GaliciaTIC reunirá no seu 20º aniversario a máis de cen profesionais do sector tecnolóxico

luns, 17 de outubro do 2022 S. P.

O foro tecnolóxico GaliciaTIC celebra a súa vixésima edición entre oeste mércores 19 e o xoves 20. Farao reunindo a máis de cen profesionais do sector tecnolóxico galego e estatal. Será na Cidade da Cultura, baixo o lema Crecemento, dixitalización e eficiencia. Como gran novidade, o foro acollerá unha feira de emprego que procurará atraer talento novo ao sector das tecnolóxicas.
Segundo informou a Asociación Ineo, organizadora do evento, este virá con dous obxectivos claros, en primeiro lugar abordar e analizar o contexto xeral do proceso de dixitalización, tanto no ámbito galego como internacional, trala súa aceleración global pola pandemia e fronte aos retos do futuro inmediato derivados da inestabilidade política e o cambio climático. En segundo lugar, poñer en contacto directo o talento novo, o sistema educativo e o sector TIC para crear “lazos de futuro e fomentar o emprego”.
GaliciaTIC vén este ano cun completo programa de conferencias, mesas redondas e seminarios que, como gran novidade, incluirá a xa citada feira de emprego na que participarán máis de 150 alumnos e alumnas de ciclos tecnolóxicos de centros galegos de Formación Profesional procedentes de Lugo, A Coruña e Vigo. Nesta feira concorrerán tamén un total de 11 empresas que protagonizarán mesas informativas ao longo da tarde do mércores 19. Trátase das firmas Imatia, Opera, Edisa, Bahia Software, Ednon, Serviguide Grupo, Nunegal Consulting, Confluent, GBTEC; Minsait e NTT Data.
O programa comezará o mércores ás 09.30 h. de forma presencial co debate inaugural que versará sobre a situación actual do proceso de dixitalización, nun contexto no que se suceden os fenómenos disruptivos: a pandemia, efectos do cambio climático, inestabilidade política ou a crise enerxética. Nesta análise, participarán Carlos Suárez Rey, director de Edisa; Fernando Vázquez Núñez, director xeral de Imatia; LuIS Álvarez Sestelo, presidente da Asociación Ineo e Julián Cerviño, director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Moderará Miguel Merino, director de Galicia TIC.
A xornada continuará ás 10.00 h. da man de Francisco De Los Santos, executive partner na consultora tecnolóxica internacional Gartner. De Los Santos ofrecerá un relatorio maxistral titulado Transformación dixital e datos: tendencias e criterios de éxito. A partir da inauguración, o programa transcorrerá tanto o mércores como o xoves con mesas temáticas e con conferencias sobre asuntos tan variados como a Intelixencia Artificial no seo das empresas, a colaboración público-privada na dixitalización, a ciberseguridade ou a capacitación TIC en Galicia.
A inscrición para asistir a GaliciaTIC continúa aberta e é imprescindíbel realizala a través da web do evento.

PUBLICIDADE