Galiciadixital abre o ano no Campus de Ourense

luns, 12 de xaneiro do 2009 Raquel Noya

Un ano máis, a exposición itinerante Galiciadixital emprende o seu percorrido polas principais vilas galegas, ás que se achega para mostrarlle á cidadanía o audiovisual e o multimedia realizados por empresas e universidades galegas, ao tempo que serve de plataforma de experimentación de novos sistemas e contidos realizados por institucións e empresas da nosa terra.
Esta réplica da exposición permanente Galiciadixital situada no Mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela inaugurouse esta mesma mañá na Facultade de Historia do Campus Universitario As Lagoas de Ourense e ao acto asistiu o director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias, mailo vicerreitor do devandito Campus, Juan Francisco Gálvez Gálvez, entre outras personalidades.
Galiciadixital inicia o 2009 avalada polo éxito de convocatoria que tivo no pasado ano onde máis de 27.000 persoas a visitaron.
A mostra, unha converxencia entre arte e tecnoloxía, está pensada para que os visitantes non sexan simples espectadores e participen en todo o seu percorrido, tocando e experimentando todo.
Proxeccións e xogos en 3 dimensións, un canciño que fala galego, unha viaxe virtual polas festas máis importantes da nosa comunidade... son algunhas das cousas que se poden ver nesta peculiar exposición apta para todo tipo de público.
Completando a exposición, a mostra 150 Anos de Telecomunicacións e de Creación Literaria en Galego, fai un percorrido pola historia do audiovisual en Galicia. Esta mostra está organizada pola Secretaria Xeral de Comunicación e a Universidade de Vigo, en colaboración co CGAI e o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia.
Esta exposición, que é de balde, estará na Facultade de Historia do 12 ao 16 de xaneiro, con horario de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas.

PUBLICIDADE