Galiciadixital pasa das 2.500 visitas en Vigo

mércores, 16 de decembro do 2009 Raquel Noya

A exposición itinerante interactiva da Secretaría Xeral de Medios, Galiciadixital, que dende o pasado 9 de decembro estivo instalada no Centro Sociocomunitario do Calvario de Vigo, vén de pechar as súas portas cun total de 2.515 visitas recibidas. A mostra, que segue co obxectivo de achegar as novas tecnoloxías aos máis maiores e que complementa á exposición permanente instalada en Santiago de compostela, viaxa agora a Ferrol onde se poderá visitar na Residencia da Terceira Idade do 22 ao 27 deste mes.
A través desta exposición a Secretaría Xeral de Medios, en colaboración coa Secretaría Xeral de Familia e Benestar, pretende mostrarlles aos galegos e galegas de todas as idades o audiovisual e os multimedia realizados por empresas e universidades galegas así como promover a interrelación entre mozos e maiores. Durante o ano 2010 a mostra iniciará tamen un percorrido polos hospitais galegos.
Galiciadixital ofrece unha experiencia interactiva distinta á dos museos convencionais, pensada para que os visitantes non sexan simples espectadores, senón que participen en todo o seu percorrido achegando así os avances en tecnoloxías multimedia e audiovisuais producidas en Galicia á cidadanía dende localidades preto da súa residencia.
As novas tecnoloxías introducen ao visitante nunha atmósfera especial que amosa unha Galicia diferente, unha viaxe de sensacións, imaxes, luces e sons que o envolven e que lle permiten gozar dunha experiencia nova e divertida nos eidos do audiovisual e o multimedia.

PUBLICIDADE