Galiciencia abre o prazo para a recepción de proxectos innovadores

venres, 11 de setembro do 2009 Raquel Noya

A meirande e máis importante feira científica que se celebra cada ano no noso país, a Galiciencia, está.ultimando detalles para dar comezo nunha nova edición entre os días 25 e 27 de novembro nas instalacións do Parque Tecnolóxico de Galicia en San Cibrao das Viñas, onde non faltarán actividades lúdicas relacionadas coa tecnoloxía e coa innovación para que os mozos e mozas asistentes se divirtan mentres aprenden e se relacionen con outros mozos coas súas mesmas inquedanzas.
Un ano máis, a Galiciencia ábrelle as súas portas aos estudantes de Secundaria de toda Galicia que desexen presentar os seus propios proxectos experimentais e tecnolóxicos ou traballos documentais, os cales terán de prazo ata o vinderio 25 de outubro para facer chegar as súas propostas.
As bases de participación na Galiciencia 2009 están dispoñibles na web de Tecnópole, onde a organización apunta que o “requisito fundamental” é formar un equipo no que participen varios alumnos e un profesor e contar a idea principal en tres folios.
Segundo veñen de anunciar os responsables da iniciativa, o comezo do curso escolar supón o inicio da preparación dos proxectos para os equipos, “moitos dos cales xa se puxeron en contacto coa Tecnópole no pasado mes de xuño para maniferstar o seu interese en participar e consultar as primeiras dúbidas”.
A parte de facilitar o desprazamento e a estancia dos estudantes en Ourense e montar a infraestrutura da feira, Tecnópole vai organizar actividades paralelas para o público e para os propios participantes, os cales terán a oportunidade de coñecer de primeira man ao xa habitual divulgador Adolf Cortel, que volverá a Ourense cos seus relatorios de ciencia divertida.
Asemade, a edición deste ano contará con obradoiros e actos relacionados coa celebración do Ano Darwin, do Ano Internacional da Astronomía e do Ano da Creatividade e da Innovación.
Neste senso, ademais de actividades relativas á Teoría da Evolución e da instalación dun planetario, Galiciencia contará cunha sección especial que estará ocupada polos proxectos resultantes do programa TIC-TAC! Talentos da Innovación e da Creatividade, unha iniciativa na que a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) e Tecnópole colaboran para poñer en contacto a alumnos galegos de Secundaria e de FP coa experiencia do emprendemento innovador e que lles axudará a deseñar o seu propio plan de negocio con base nas súas ideas e inventos. Esta iniciativa foi seleccionada pola Fundación Española de Ciencia y Tecnología (FECYT) para ser financiada no marco do seu Programa para o Fomento da Cultura Científica e Tecnolóxica.
Os proxectos expostos na Galiciencia serán sometidos á votación dos visitantes e dun xurado formado por emprendedores da Tecnópole, que elixirán os mellores para outorgarlles o primeiro e o segundo premio da feira.

PUBLICIDADE