Galipizza busca nas redes sociais un nome axeitado para o seu vehículo distintivo

luns, 14 de xullo do 2014 Fernando Sarasketa

Non todo ía ser igual no eido das pizzas. Estabamos agardando por algo diferente? Pois probablemente xa chegou, e tivo que ser dende a nosa terra. A empresa galega Galipizza&cia quere rachar con moitos dos tópicos ligados a este sector da gastronomía e xa de primeiras non quere agardar a que os clientes a busquen nas guías, porque xa se lanza ela mesma a buscalos botando man dunha furgoneta clásica Citroën HY personalizada que amais de punto de venda, tamén é cociña itinerante para os festivais galegos do verán. Pois ben, dáse a circunstancia de que o vehículo aínda non ten nome, e por esta razón Galipizza vén de pór en marcha un concurso nas redes sociais para atoparllo.
A empresa (que ten locais físicos xa establecidos en Viveiro, Ribadeo e Culleredo, amais doutro novo para Santiago) estreou coa chegada deste verán o seu innovador medio de transporte, a dita furgoneta Citroën HY. O vehículo en cuestión, presentado oficialmente a pasada fin de semana no IX Festival Arreaocabo, en Celeiro, xa ten confirmadas outras localizacións nalgúns dos certames máis coñecidos este verán, como o Resurrection Fest, en Viveiro, e o Novomesoifest, en A Coruña. Até aquí todo ben, pero a empresa recoñece que a estratexia non estará completa até que a furgoneta-distintivo teña nome de seu. Como conseguir a máxima participación e polo tanto meirandes probabilidades de dar co apelativo máis axeitado? Pois para os responsábeis de Galipizza a resposta está nas redes sociais. De aí que estea a botar man xa dos seus clientes e seareiros en Facebook e Twitter cun concurso específico de procura de nome para o vehículo. A empresa premiará “a creatividade e orixinalidade das propostas”, e nas vindeiras semanas decidirá entre tódalas achegas recibidas o nome que máis se axuste ó seu estilo.

PUBLICIDADE