Gmail e Google Reader mudan a súa imaxe para converxer con Google+

mércores, 2 de novembro do 2011 Marcus Fernández

A eliminación dos Compartidos en Google Reader provocou certa polémica na Rede

Algúns dos servizos máis populares de Google están a ter unha semana moi movida, xa que durante a noite do pasado luns renovaron o lector de fluxos RSS Google Reader e onte mesmo fixeron o propio con Gmail, adaptando o acceso web a estes servizos para que a súa aparencia fose homoxénea coa de Google+, deixando clara a aposta de Google por interfaces sinxelas, rápidas e limpas.
Os cambios en Google Reader foron os máis drásticos, pois este servizo levaba moitos anos ser actualizarse, xa que, aparte de coller a aparencia de Google+, elimináronse as opcións de Compartir e Compartir con nota, que víronse substituídas polo botón +1, de xeito que agora as funcionalidades sociais de Google Reader desaparecen, o que supón unha concentración en Google+ dos elementos sociais dos servizos de Google, evitando así a competencia entre servizos da propia compañía.
Esta decisión de Google foi recibida dun xeito moi crítico, e xa hai unha campaña para pedir a recuperación do vello Google Reader, pois moitos usuarios non consideran atinado que se aproveite aos usuarios do lector de RSS de Google para forzar a usuarios a utilizar Google+.

A busca avanzada en Gmail aparece agora como un menú despregable

Os cambios en Gmail resultan menos polémicos, pois supón unha actualización estética (que xa podía achegarse parcialmente escollendo un par de temas dispoñibles dende a estrea de Google+) e unhas melloras obxectivas como o re deseño da vista de conversa para facilitar o seguimento dos fíos de correo, a posibilidade de configurar a densidade na que aparece a información en pantalla (para que a lectura sexa agradable tanto nun ordenador de escritorio como nun ultraportátil, no que deberiamos seleccionar a vista en pantalla compacta), novos temas en alta definición (con imaxes de alta calidade), navegación intelixente (continúan dispoñibles as etiquetas nun panel de navegación que agora ten tamaño personalizable e permite agochar por completo a área de chat e gadgets) e mellora o formulario de buscas avanzadas a través dun cómodo menú despregable.
Sen dúbida, uns cambios que supoñen unha optimización do servizo, coincidindo coa aparición de alertas que informan que en breve van eliminar completamente a presenza de Buzz en Gmail, capa social de Google da que ninguén parece reclamar a súa conservación, pois tras o seu lanzamento converteuse nun servizo irrelevante.

PUBLICIDADE