GoRetro! Portable achegará máis de 260 xogos nunha consola con forma de Game Boy

venres, 26 de outubro do 2018 Marcus Fernández

A febre das consolas retro de tamaño reducido semella que na vindeira campaña de Nadal vai estar acaparada pola PlayStation Classic, pero dende Kotch Media quixeron aproveitar o momento para facerse coa distribución dun produto bastante diferente, que probablemente atraia a moitos nostálxicos, xa que mestura o formato da clásica Game Boy con numerosos xogos clásicos a toda cor. Falamos da consola portátil GoRetro! Portable de Retro-Bit, que chegará o 30 de novembro a un prezo de 39,99 euros, e que incluirá máis de 260 títulos precargados.
Esta curiosa consola portátil, que con 4 baterías AAA ofrece unha autonomía de até 10 horas de xogos (podendo tomar alimentación tamén a través dun porto microUSB) ten unha pantalla de cor de 2,8 polgadas, control de volume e toma de auriculares, nun formato moi familiar, contando con xogos como Tetris, Mega Man, Ghost’n Goblins, Strider, 1942, Gun Smoke, Dragon Ninja ou Bionic Commando¸ de xeito que amantes tanto das consolas domésticas como das máquinas recreativas atoparán aquí un produto moi atractivo no que rememorar xogos con licenza oficial de Capcom, Data East e The Tetris Company.
Temos aquí unha novidade que se ben non contará co factor coleccionista das consolas mini de Nintendo e Sony, si tirará proveito da nostalxia e poderá ser un grande éxito grazas especialmente ao seu axustado prezo.

A GoRetro! Portable inclúe numerosos xogos clásicos

PUBLICIDADE