Google Apps Sync permite usar os servizos de Google coma se fosen un servidor de Exchange

mércores, 10 de xuño do 2009 Marcus Fernández

Google vén de lanzar a ferramenta Google Apps Sync que permite aos usuarios a sincronización de correo electrónico, contactos e o calendario de Google Apss con Microsoft Outlook, facilitando a transición de Exchange a Apps, xa que pode manterse a aplicación coa que os usuarios están familiarizados. Esta aplicación permite importar os datos existentes en Exchange para gardalos nos servidores de Google, así como tamén permite a integración dos eventos de Outlook e Google Calendar (resultado indiferente que os nosos contactos confirmen a súa participación a través de Outlook ou de GCalendar).
Google Apps Sync é máis rápido e eficiente que o uso do correo a través de IMAP xa que emprega un protocolo exclusivo para iso, e a aplicación é compatible tanto con Outlook 2007 (con SP2) coma co Outlook 2003 (con SP3).
Esta aplicación está orientada ao uso corporativo, pero tamén funciona para os usuarios que empregan Google Apps de balde. Resulta curioso que lancen unha solución deste tipo, porque Google tende a orientar as súas ferramentas á web e con esta ferramenta permiten que os usuarios continúen a utilizar o correo, os contactos e o calendario á antiga.

PUBLICIDADE