Google Fotos deixará de ofrecer almacenamento ilimitado de balde

mércores, 11 de novembro do 2020 Marcus Fernández

En 2015, durante a presentación de Android M, Google anunciou que o seu servizo de fotografías na nube pasaba a ofrecer almacenamento ilimitado de balde de por vida para as nosas fotografías na súa resolución orixinal (até 16 Mpíxeles) e dos nosos vídeos (até Full HD), levando a que a grande masa de usuarios de Android a nivel mundial confiase as súas coleccións fotográficas á compañía de Mountain View pola tranquilidade que supón non ter que preocuparse polo espazo que ocupan as imaxes e os vídeos.
Actualmente Google Fotos permite gozar de almacenamento de imaxes ilimitado en alta calidade (16 Mpíxeles) ou tamén nun modo chamado exprés (no que as fotografías só ocupan 3 Mpíxeles, o que entendemos que está dirixido a territorios con accesos á Rede moi precarios), mentres que se queremos gardar as imaxes coa calidade orixinal temos como mínimo 15 GB de almacenamento de balde, pero a xenerosidade de Google ten un límite, e ante o feito de que este servizo non xere ingresos, decidiron mudar a súa política, de xeito que manterán os plans ilimitados de balde até rematar maio de 2021.
A partir do 1 de xuño de 2021 todas as fotografías e vídeos que se suban á nube de Google pasarán a ocupar espazo na conta do usuario (espazo compartido con Google Drive e Gmail), o que dende Google queren vender como un favor, xa que din que así non teñen que utilizar a información dos usuarios de Google Fotos con motivos publicitarios.
Este anuncio de Google é toda unha sorpresa, de aí que poñan un prazo amplo para o cambio de política, xa que teñen que dar tempo aos usuarios para establecer novos hábitos coas copias de seguridade do seu contido multimedia, de xeito que haberá quen opte por facer limpeza de fotografías para optimizar o espazo utilizado, os que pasarán a pagar 1,99 euros/mes para gozar de 100 GB de almacenamento na nube de Google, ou os que optarán por migrar a servizos alternativos como OneDrive (que para os subscritores de Office 365 ten 1 TB de almacenamento) ou incluso Amazon Photos (que aínda ofrece almacenamento ilimitado de fotografías para os clientes de Amazon Prime).
Estamos ante unha historia que se repite, e que fai desconfiar cada vez máis de Google, por entrar nun negocio (neste caso, o almacenamento fotográfico en liña) até dominalo dun xeito case absoluto, esnaquizando á competencia polo camiño, de xeito que cando finalmente deixa tirados aos usuarios atopa un mercado con poucas opcións onde escoller.

PUBLICIDADE