Google Maps volve ao iPhone pola porta grande

xoves, 13 de decembro do 2012 Marcus Fernández

Entre as novidades que achega a aplicación de Google Maps destaca a navegación paso a paso guiada por voz

Os usuarios de móbiles con iPhone que fagan uso de iOS 6 tiveron que padecer a desaparición da aplicación de Google Maps do seu dispositivo sen contar cunha alternativa solvente, e aínda que Apple renunciou á incorporación de serie dos mapas de Google nos seus móbiles, veñen de aceptar unha aplicación de Google que recupera a ferramenta para iOS, aínda que polo momento só adaptada para iPhone (entendemos que en futuras actualizacións aproveitará a pantalla do iPad).
Esta nova aplicación de Google Maps supón unha gran nova para os usuarios de iPhone, non só porque recupere o servizo de mapas, senón porque supón unha importante mellor con respecto da aplicación anterior, xa que, aparte de moverse polos mapas, tamén inclúe a navegación paso a paso guiada por voz, como xa facía a aplicación na súa versión para Android, o que parece que vai sumir á aplicación de Apple Maps na irrelevancia.

Coa nova aplicación tamén podemos explorar o mundo a pé de rúa

A aplicación conta cun aspecto totalmente renovado, achegando unha experiencia moi intuitiva, cun cadro de busca na parte superior da pantalla e unha sección de información na parte inferior, facilitando tamén o acceso ás vistas de rúa e a fotografías das localizacións que consultemos.
Seguindo a liña da aplicación anterior, a nova ferramenta permite buscar enderezos e localizacións (aproveitando o potencial da busca local de Google), facilita descubrir lugares de lecer, permite sincronizar buscas, indicacións e lugares favoritos entre o ordenador e o teléfono e incluso calcula rutas en transporte público.
Dende Google tamén decidiron lanzar un SDK de Google Maps para iOS, o que facilitará a programadores de aplicacións para dispositivos móbiles de Apple a integración dos mapas de Google, prestación que claramente agradeceran en vista da pouca calidade que ofrecen polo momento os mapas de Apple.


Vídeo promocional da nova aplicación

PUBLICIDADE