Google News podería pechar en España de aprobarse o canon AEDE

mércores, 15 de outubro do 2014 Marcus Fernández

A orde do día da sesión do Senado recolle a aprobación do proxecto de lei que modifica o Texto Refundido da Lei de Propiedade Intelectual para incorporar o que algúns medios chaman taxa Google mentres que os críticos definen como canon AEDE, que establece un pagamento irrenunciable dun canon por parte dos agregadores de novas aos editores de contidos en compensación polo uso dos mesmos, o que non afectaría só a Google, senón tamén a redes sociais e a servizos como Menéame ou Chuza, o que podería ter a consecuencia inversa da buscada polos promotores desta reforma lexislativa, de xeito que, en vez de beneficiar economicamente aos medios tradicionais, podería prexudicalos seriamente, pois dende Google xa advirten que, de aprobarse que teñan que pagar por enlazar a nova de medios españois, optarán por pechar a versión española do servizo Google News, o que reduciría considerablemente o tráficos das páxinas web dos medios.
Dende Google non entenden a reforma lexislativa que parece dirixida a gravar economicamente a Google News, xa que ningún medio está obrigado a estar nese servizo, senón que é algo que fan voluntariamente, polo que non parece lóxico que esixan unha remuneración económica por figurar nun servizo que os beneficia achegándoselles tráfico entrante.
A propia Comisión Nacional do Mercado da Competencia considera inxustificado o canon AEDE, por considerar que os agregadores de novas non son competencia directa dos medios, e incluso os benefician, polo que esixirlles unha contraprestación económica pola súa actividade non tería sentido (especialmente cando calquera medio pode controlar dende o seu propio servidor web o comportamento dos agregadores coa simple edición do ficheiro robots.txt).
En Alemaña os editores de prensa tamén quixeron conseguir unha contraprestación económica de Google e, en consecuencia, o buscador deixou de amosar resumos das novas e miniaturas nos seus resultados de busca, limitándose a titulares e ligazóns, o que reduce a visibilidade dos contidos, de xeito que os editores están a verse prexudicados polas súas esixencias.
Cómpre destacar que esixir contraprestación económica por publicar ligazóns a contidos na web vai contra os propios principios da Rede, e podería afectar seriamente á creación de novas empresas tecnolóxicas, que verían como teñen que facer fronte a importantes cargas económicas no caso de querer innovar en tecnoloxías que teñan algo que ver coa información na web.

PUBLICIDADE