Google adquire o servizo de mapas israelí Waze

martes, 11 de xuño do 2013 Marcus Fernández

Nas últimas semanas rumoreábase que Facebook estaba a facer as beiras ao servizo de navegación GPS social israelí Waze, no que podería culminar nunha operación de adquisición por valor de 1.300 millóns de dólares, pero finalmente o xigante tecnolóxico que puido chegar a un acordo de compra non foi outro que Google, chegando a pagar máis de mil millóns de dólares pola compañía, agardando que a operación non se atope coa oposición das autoridades da competencia ante os poucos beneficios que actualmente acada Waze.
Dende Google aseguran que Waze manterá os seus equipos en Israel, operando polo momento de xeito independente a Google, aínda que espera que no futuro poidan incorporar a valiosa información de Waze (con información sobre o tráfico en tempo real achegada polos usuarios) a Google Maps á vez que Waze poderá beneficiarse da potencia de busca de Google.
Actualmente hai preto de 50 millóns de usuarios de Waze en todo o mundo, que atópanse bastante involucrados neste servizo, polo que manter a independencia de Google pode contribuír a conservar a boa relación dos desenvolvedores coa comunidade de usuarios, á vez que evitan a preocupación de converterse nunha compañía que cotice nos mercados bolsistas, centrándose no servizo que os deu a coñecer e que ten como principal obxectivo reducir o atranco que supón o tráfico nos nosos desprazamentos nas estradas e cidades, axudando a que os cidadáns teñamos máis tempo para nós. Para conseguir este obxectivo Waze comparte información sobre accidentes, obstáculos ou a presenza policial, para o que poden recibirse alertas; axuda a localizar as estacións de servizo co carburante máis barato na nosa ruta (con prezos achegados pola comunidade) e incluso facilita os encontros cos nosos amigos.

PUBLICIDADE