Google celebra o 30º aniversario da proposta da que naceu a web

martes, 12 de marzo do 2019 Marcus Fernández

A moitos sorprendería hoxe o doodle de Google, que homenaxea o que supostamente sería o 30º aniversario da Internet, aínda que realmente a celebración sería de algo moi diferente, xa que o que naceu en marzo de 1989 foi unha proposta presentada no CERN por Tim Berners-Lee que remataría dando lugar á World Wide Web, o que non debería confundirse coa Internet (que poderiamos datar duns 20 anos máis atrás se atendemos a que naceu da de ARPANET).
Pór datas fixas para celebrar aniversarios pouco concretos é complicado, e por iso a celebración do aniversario da web tense producido en distintas datas, pero agora semella que o 12 de marzo quedará como data estable para rememorar a proposta da que naceu á web, aínda que para moitos continuará a ser máis relevante a posta en funcionamento do primeiro servidor web por parte do propio Berners-Lee o 17 de maio de 1991 dende un equipo NeXTcube ou a presentación pública da World Wide Web por parte do CERN o 30 de abril de 1993.
Queda así claro que celebrar un aniversario dunha tecnoloxía viva é moi complexo, e dependerá moito do punto de vista do que partamos, de xeito que é doado que non coincida a perspectiva dos creadores coa do público.

PUBLICIDADE