Google deixará de dar soporte a seis dos seus servizos

martes, 24 de xaneiro do 2012 Raquel Noya

A aposta de Google por abarcar incontables campos e ofrecer un amplísimo abano de servizos cos que suplir tódalas necesidades dos seus usuarios (por peculiares que pareceran) foi bastante avariciosa, e como normalmente o que moito abarca pouco aperta, tivo que irse desfacendo ao longo do pasado ano de certos servizos que non se usaban para centrarse só naqueles que os usuarios empregaban máis frecuentemente no seu día a día.
Dende a estrea de Google+ no pasado mes de xuño, a renovación dos seus produtos foi constante e dou lugar agora ao recorte de seis novos servizos dos que deixará de dar soporte nos vindeiros meses.
Trátase de Google Message Continuity, Sky Map, Needlebase, Picnik, Urchin e da API Social Graph, que deixarán de existir pouco a pouco por non ter a demanda agardada nun primeiro momento.
No seu blog oficial a compañía asegura que a decisión tomouse para que os equipos de desenvolvedores puideran centrarse “na creación de incribles produtos que a millóns de persoas lle encanta usar tódolos días”, e con este mesmo optimismo anunciaron que os devanditos produtos pecharanse completamente ou fusionaranse con outros xa existentes para seguir dando servizo aos seus usuarios.
Entre os servizos dos que se desfai destacan o programa para realizar copias de seguridade de correos, Google Message Continuity (GMC), a plataforma de xestión de datos Needlbase, que será integrada noutros produtos de Google ou o editor de fotos en liña, Picnik, que deixará de estar operativo a partir do vindeiro mes de abril.

PUBLICIDADE