Google detalla as buscas que máis medraron en 2021

xoves, 9 de decembro do 2021 Marcus Fernández

Cando se aproxima o remate do ano Google fai un balance do máis buscado nos últimos 12 meses, deixando claro que os Xogos Olímpicos levaron a que prestásemos atención a deportistas que medraron considerablemente en buscas, sendo especialmente salientable dende Galicia que Ana Peleteiro conseguise a 5ª posición nas buscas relativas ao mundo do deporte.
Nas buscas xerais o deporte foi o grande protagonista, só superado pola información meteorolóxica, acaparando 7 das 10 buscas de maior crecemento en 2021, deixando as posicións 6 e 7 ao volcán da Palma e á Bonoloto respectivamente.
Nas buscas relativas a cine, televisión e series durante 2021 resulta especialmente rechamante o feito de que a busca máis prominente fose a de Tokyvideo, unha plataforma de vídeos en liña que durante os últimos meses empregouse moito para acceder a copias de telenovelas turcas dobradas ao español antes da súa emisión en España, de xeito que o fenómeno que supuxeron as series turcas no audiovisual notouse máis polo seu consumo irregular que polas buscas naturais, que previsiblemente son reducidas, xa que non son materias que leven á realización de consultas na Rede.
A maiores, Google tamén recolle buscas sobre cuestións (como, cando e por que) entre as que destacaron detalles como o Black Friday, os partidos da Selección Española, as vacinas, as erupcións volcánicas, as subas das tarifas eléctricas e incluso as caídas de WhatsApp, sendo especialmente rechamante estas últimas consultas, xa que os fallos de WhatsApp foron moi puntuais, polo que podemos entender que o volume de consultas foi desproporcionado, xa que en poucas horas conseguiron coar o tema entre o máis buscado do ano.

As tendencias nas buscas en 2021 achegan resultados moi interesantes

PUBLICIDADE