Google estrea unha aplicación de catálogos para tablets

martes, 16 de agosto do 2011 Marcus Fernández

A compra a distancia é algo moi anterior á Rede, que gozou de boa saúde durante anos grazas aos numerosos catálogos que podiamos recibir nos nosos fogares, e dende Google queren trasladar esta experiencia aos tablets, de aí que estreen Google Catalogs, unha aplicación de balde (dispoñible polo momento para iPad nos EE.UU.) que permite interactuar coas páxinas de moitos catálogos que non só serían calcos das súas edicións impresas, senón que tamén poden incorporar elementos multimedia, e poden facilitar tanto a compra a través da web como indicar tendas físicas nas que facernos cos produtos que estamos a ver.
A aplicación de Google Catalogs achega multitude de catálogos de produtos de roupa, fogar, xoiaría, agasallos... para o que xa pecharon acordos con grandes marcas como Anthropologie, Bare Escentuals, Bergdorf Goodman, Crate and Barrel, L.L. Bean, Lands’ End, Macy’s, Neiman Marcus, Nordstrom, Pottery Barn, Saks Fifth Avenue, Sephora, Sundance, Tea Collection, Urban Outfitters e Williams-Sonoma, aínda que supomos que tardará en espallarse internacionalmente (aceptando Google novos participantes neste proxecto a través dun formulario en liña).
Google Catalogs permite interactuar coas páxinas dos catálogos (facendo zoom nos produtos ou vendo galarías fotográficas e vídeos sobre os mesmos), atopar os produtos nas tendas próximas ou na web, amosar a creatividade dos usuarios (que poden compor collages con páxinas e produtos e ver os que fan outros usuarios), compartir cos amigos (mediante mensaxes de correo electrónico), conseguir acceso instantáneo a novos catálogos (recibino notificacións sobre os nosos catálogos favoritos) e descubrir novos produtos e marcas (xa que pode buscarse a través de múltiples catálogos nun único paso).


Vídeo de presentación de Google Catalogs

PUBLICIDADE