Google+ facilitará as quedadas en vídeo dende o móbil

xoves, 15 de decembro do 2011 Marcus Fernández

A actualización de Google+ Messenger permitirá establecer videoconferencias dende o móbil

As posibilidades para comunicarnos a través de Google+ son cada vez maiores, e para facilitar que o lugar dende o que queiramos establecer contacto cos nosos amigos non sexa un problema, anuncian que a aplicación oficial de Google+ está a actualizarse durante estes días, levando as quedadas un paso máis adiante, de xeito que xa non só servirá para compartir actualizacións de estado vía móbil, senón que tamén servirá para establecer multi-conferencias de vídeo (o que, ata o momento, só podía iniciarse dende o ordenador). Coa actualización de Google+, a sección de Google+ Messenger contará coa icona dunha cámara que facilitará o establecemento de conferencias de vídeo, o que sen dúbida será moi ben recibido nestas datas nas que é moi habitual contactar cos seres queridos para felicitar as festas.

A API das quedadas permite crear divertidas experiencias en tempo real

Dende Google tamén informan de que están a traballar na integración das quedadas de vídeo con YouTube (para poder gardar os nosos encontros tanto para unha reprodución pública como privada) e tamén farán posible que o vídeo das quedadas poida recibirse de xeito público en directo (algo que nos últimos meses xa probaron algúns famosos como os The Black Eyed Peas ou o Dalai Lama).
O servizo tamén está a integrar chamadas telefónicas no sistema (de balde para EE.UU. e Canadá) e incluso actualizaron a súa API para permitir que desenvolvedores externos tiren proveito desta plataforma para as súas creacións (para, por exemplo, inserir de xeito automático gráficos nas nosas caras, debuxando virtualmente adornos ou bigotes en tempo real, para diversión dos usuarios).

PUBLICIDADE