Google faise máis social con tres novas funcionalidades

mércores, 11 de xaneiro do 2012 Raquel Noya

Dende o lanzamento de Google+, esta compañía non deixou nunca de buscar fórmulas milagrosas para integrar a información social do servizo cos resultados de procuras, que á fin era o seu cometido de toda a vida, e tras esmagar os miolos dos seus integrantes, vén de anunciar o inicio dunha “nova experiencia máis social á hora de realizar buscas”.
Trátase de certos cambios na súa versión .com, que permitirán que os usuarios que realicen procuras, accedan aos resultados personalizados con información social que lles incumbe.
Máis polo miúdo, a compañía vén de introducir tres novas funcións que permitirán darlle máis utilidade aos seus servizos de busca, ofrecendo unha experiencia máis social e tendo en conta as persoas e as relacións que temos na Rede.
A primeira novidade vén relacionada cos resultados personalizados; neste senso, Google vai permitir que os usuarios encontren información de interese que fora creada, publicada, destacada ou compartida polos seus contactos, de maneira que o contido, ademais de responder á súa petición de busca, tamén sexa información que antes lle interesara aos seus contactos.
Isto podería ser útil, por exemplo, á hora de buscar información sobre destinos de vacacións ou traballos, xa que podemos obter información, opinión e fotos de destinos na web como era habitual, porén obteremos de xeito paralelo as recomendacións dos nosos amigos, moito máis significativas para nos.
A segunda funcionalidade que Google introduciu na súa versión .com para darlle un carácter máis social ao seu servizo foi a de incluír os perfís nas buscas. Con este servizo, o xigante americano permitiralle aos seus usuarios que contacten con outras persoas de maneira instantánea dende os seus resultados de busca, obtendo ao momento unha páxina sobre o contacto buscado, que inclúe información do seu perfil de Google+ e os resultados máis relevantes da web relacionados con esa persoa.
Esta función complétase cun sistema para atopar personaxes destacadas no seu servizo, que permite acceder ás páxinas de persoas famosas ou moi coñecidas.
A última novidade no servizo de procuras de Google vén na oferta de temas relevantes, con información social sobre os mesmos, como persoas que falan habitualmente dese tema ou que fan referencia directa ao que se fala.
Isto permitirá que se poidan engadir novos contactos de interese e seguir novas páxinas que non coñeciamos anteriormente.
Con esta aposta social, é normal que moitos usuarios e usuarias vexan en perigo a privacidade dos seus contidos, neste senso a compañía quixo deixar claro que “no referente á seguridade e á privacidade, os resultados de busca esta protexida mediante cifrado SSL”, o que supón que unha vez que os usuarios inician sesión en Google, os contidos que busca e aos que accede están protexidos co mesmo sistema co que se protexe a información almacenada en Gmail.
Asemade, os usuarios só terán acceso aos contidos sociais marcados como públicos ou cuxa limitación de privacidade dean acceso a cada usuario.
Iso si, malia ás aparentes vantaxes que supón o uso deste servizo, aquelas persoas que desexen desactivar a función social nas súas procuras poden facelo a través dun botón habilitado a tal fin na parte superior da web.


Vídeo no que amosan as novidades nas buscas de Google.com

PUBLICIDADE