Google lanza o sistema de autentificación de dobre vía para tódolos usuarios

venres, 11 de febreiro do 2011 Raquel Noya

Co obxectivo de mellorar a seguridade das nosas contas de correo electrónico e ter os nosos datos privados máis protexidos, o buscador americano Google vén de estrear en tódalas súas contas un sistema de autentificación de dobre vía para os seus usuarios. Malia que hai xente que opina que se trata “dunha excusa para facerse co noso número de móbil”, o certo é que o sistema de autentificación por usuario e contrasinal xa leva algúns anos colleitando mala fama pola súa inseguridade e moitas compañías de comunicación online optaron por substituílo por outros sistemas como o OAuth ou a certificación dixital. O sistema de autentificación de dobre vía escollido por Google para a súas contas xa se pode activar e ofrece unha capa máis de seguridade na nosa conta de correo, de xeito que, á hora de conectarnos, non só precisaremos indicar o noso usuario e contrasinal, senón tamén un código aleatorio que recibiremos no noso móbil, ben por SMS, chamada ou dende a aplicación Google Authenticator para Android, iPhone e Blackberry. Trátase dun sistema que soen empregar os bancos para verificar a identidade dos seus usuarios online que Google xa implantara no Google Apps en setembro. Con este sistema será máis difícil que alguén se poida pasar por nos á hora de abrir unha conta de Gmail posto que precisará ter o noso teléfono móbil e recibir o devandito código xerado. Asemade, por se acaso nos puidera parecer demasiado incómodo ou molesto, o sistema disporá da opción “Lembrarme” que nos permite deixar gardado o código durante uns 30 días sen ter que activalo cada vez que nos conectemos.

A dobre comprobación incrementa a seguridade das contas de Google

PUBLICIDADE