Google negocia con YouTube a adquisición da compañía

luns, 9 de outubro do 2006 Raquel Noya

Chud Hurley e Steve Chen, fundadores de YouTubeEra un 27 de setembro cando Larry Page e Sergey Brin ―os fundadores de Google―, lanzaban o famoso buscador á Rede e comezaban a súa colleita de interminables éxitos e. como non, considerables beneficios económicos. Hoxe en día, despois de 8 anos manténdose como o buscador máis empregado polos navegantes e tras reunir máis de 6.138 millóns de dólares na súa conta persoal, Google quere ir alén no mercado virtual e está a tentear a adquisición do portal de descargas de vídeo on-line YouTube, por unha cantidade que rolda a frioleira de 1.600 millóns de dólares, uns 1270 millóns dos nosos euros.
As negociacións, segundo informa o Wall Street Journal, atópanse na primeira fase, aínda que non é seguro que poidan chegar a culminarse con éxito para o buscador norteamericano, pois xa a comezos de ano os directivos de YouTube negáranse á posta en venda da compañía. Sen dúbida, a adquisición de YouTube daríalle un importante pulo ó sector do vídeo de Google, xa que o actual servizo de Google Video non consigue plantarlle cara e pararlle os pes á imparable web de descargas de imaxes, á que de xeito constante lle seguen a saír imitacións que tentan facerse un oco no mercado.

PUBLICIDADE