Google pasa a publicar mensualmente as súas listaxes de tendencias de busca

mércores, 22 de maio do 2013 Marcus Fernández

Ao remate de cada ano podiamos facer un repaso das tendencias na Rede grazas á publicación dun Zeitgeist por parte de Google, pero agora esta listaxe das persoas, lugares e cousas máis buscadas en distintas categorías deixa de ter unha periodicidade anual e preséntase mensualmente nunhas Tendencias de busca que polo momento só presentan os resultados para EE.UU. (o resto de países chegarán en breve) nunhas táboas moi atractivas visualmente que facilita afondar en cada categoría e que amosa tanto os elementos con mellor clasificación como as buscas máis populares (neste caso, no último día).
Google desenvolveu estas novas táboas de tendencias aproveitando o seu Knowledge Graph, que permite asociar a información indexada polo seu sistema con cousas reais (non só palabras chave), tendo así cada vez unha mellor análise do uso que sobre as buscas de Google fan os usuarios.
Entre as categorías que avalía o buscador estarían os actores, a alimentación, os artistas musicais, a automoción, os escritores, as bebidas, as cancións, os científicos, as cidades, os deportistas, as empresas, os equipos deportivos, as institucións educativas, as marcas de moda, os medicamentos, as películas... amosando un retrato da sociedade e dos temas de interese para a poboación durante os distintos meses do ano, de xeito que vemos que nos EE.UU. no mes de abril destacaron a actriz Selena Gómez, o cantante Justin Bieber, o xogador de baloncesto Michael Jordan, a presentadora de televisión e empresaria Oprah Winfrey, o equipo de fútbol Real Madrid, o (ex) gobernador Arnold Schwarzenegger, o xogador de fútbol Lionel Messi, a celebridade Kim Kardashian, a serie de televisión Game of Thrones, o programa American Idol e o propio Bos Esponja, e aínda que a meirande parte destas tendencias sexan iguais ao longo do ano, o pulo da actualidade ten o seu impacto, e agora temos unha nova ferramenta para tomarlle o pulso ao seu reflexo na Rede.

PUBLICIDADE