Google premia os consumidores que contribúan na valoración de negocios locais

luns, 16 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Yelp, Foursquare e TripAdvisor son algunhas das plataformas sociais que nos permiten intercambiar comentarios sobre os locais que visitamos, converténdose en potentes sistemas de recomendacións que afectan seriamente ao éxito dos negocios e axudan aos consumidores a elixir mellor os establecementos aos que recorren, e dende Google non queren deixar pasar este negocio, polo que están a ampliar o seu programa de guías locais en Google Maps, de xeito que os usuarios que se dan de alta nesta iniciativa e así poder recibir recompensas pola súa colaobración.
Para sumar puntos nas Local Guides pódense escribir críticas, subir fotografías, engadir novos locais, actualizar información obsoleta e responder simples preguntas, de xeito que cada acción recibirá até 5 puntos. Os beneficios destes puntos integran aos usuarios en distintos niveis con cadansúa recompensa: o nivel 1 (até 4 puntos) permite participar en concursos, o nivel 2 (até 49 puntos) facilita o acceso anticipado a produtos e características de Google, o nivel 3 (até 199 puntos) presenta un selo na aplicación de Google Maps, o nivel 4 (até 499 puntos) amplía de balde a capacidade de Google Drive en 1 TB e o nivel 5 (a partires de 500 puntos) abre a posibilidade de participar en actividades presenciais de Google que se organizarán durante o ano que vén.

PUBLICIDADE