Google presenta numerosas novidades nun evento para desenvolvedores

martes, 10 de maio do 2011 Marcus Fernández

Entre hoxe e mañá ten lugar no Moscone Center de San Francisco o evento Google I/O, que serviu para que Google amosase numerosas novidades ao redor do sistema operativo Android e servizos asociados ao mesmo, entre os que destacan Google Music e Movie Rental.
Durante o evento tamén anunciaron que xa hai 100 millóns de dispositivos con Android activados, 400.000 novas activacións de dispositivos con Android ao día, 200.000 aplicacións no Android Market e 4.500 millóns de aplicacións instaladas do Android Market.
Música na nube
Nun principio hoxe bota a andar nos EE.UU. Music Beta by Google, ou sexa, un novo servizo musical en fase de probas (mediante invitación) e que inicialmente permite que os usuarios poidan subir aos servidores de Google a súa música para escoitala en calquera lugar, esquecendo os cables e os ficheiros ao permitir a sincronización e o acceso sen fíos á música (o que tamén funcionaría fóra de liña, xa que as últimas reproducións e os elementos designados polo usuarios manteranse en local). Music Beta funcionará tanto en ordenadores como en terminais con Android, lembrando servizos semellantes como mSpot, aínda que segundo parece Google pretende evolucionar Music Beta a unha plataforma semellante a Spotify, só que polo momento non chegou aos pertinentes acordos coas compañías discográficas que permitan un modelo de negocio sustentable.


Vídeo de presentación de Music Beta by Google
Aluguer cinematográfico
Movie Rental pola súa banda é un servizo de aluguer de películas que tamén se estreará nos EE.UU. e que a través do Android Market ofrecerá milleiros de películas a partir de 1,99 dólares (as estreas custan 3,99 dólares), que poderán verse no ordenador ou en dispositivos con Android (tanto móbiles como tablets).
O aluguer vía web xa funciona nos EE.UU. dende hoxe mesmo, pero o servizo para outros dispositivos irá distribuíndose durante as vindeiras semanas a través dunha actualización do Android Market.
Android no fogar
Unha das iniciativas que resultaron máis interesantes durante o Google I/O é Android@Home, que permite a aplicacións de Android a conexión e comunicación con trebellos que teñamos repartidos no fogar, ou sexa, que agora Google tamén xoga no eido da domótica, aínda que Android non quere quedar só aí, polo que desenvolveron o Android Open Accessory, de xeito que facilitarán a creación de accesorios para dispositivos con Android.
Android para tablets
Actualmente Google está a traballar no Android 3.1, unha actualización do seu sistema operativo para tablets, que incluirá o soporte de novos accesorios, de dispositivos USB, de sistemas de control como ratos, joysticks e gamepads, de widgets redimensionables e de aplicacións MTP e a API para audio RTP.
Reunificación de Android
O sistema operativo Android, para poder adaptarse aos tablets, deu pé a un cisma, de xeito que os móbiles móvense entre versións 2.x e os tablets nas 3.x, pero durante o evento de hoxe confirmaron que están a traballar no Ice Cream Sandwich, versión de Android que volverá a colocar a todos os produtos con Android (teléfonos, tablets e televisores) baixo unha única API de desevolvemento, para facer máis doado a creación de software para Android.
Esta nova versión de Android contará con un novo motor OpenGL e incluso seguimento de rostros, aínda que tardaremos bastantes meses en ver como se fai realidade a volta ao rego de Android.
Tablets para todos
Como xa vén sendo tradición en eventos deste tipo, os asistentes puideron recibir un agasallo moi especial, que nesta ocasión consistiu nun tablet Samsung Galaxy Tab 10.1, do que se repartiron 5.000 unidades, co que esperan dar un pulo ao desenvolvemento de aplicacións para Android 3.0.

PUBLICIDADE