Google terá que pagar 15 millóns de euros por vendas non autorizadas a mans de menores de idade

venres, 5 de setembro do 2014 Redacción

A multinacional estadounidense Google vén de recibir unha sanción de case 15 millóns de euros por vendas de aplicacións de Google Play por valor de millóns de dólares. O caso é que estas operacións tiñan uns cargos non autorizados ao seren realizadas por menores sen o consentimento dos seus pais. Así pois, o mandato da Comisión Federal de Comercio (FTC) indicou que a compañía de Mountain View está obrigada a reembolsar o cobro desas aplicacións aos usuarios, cun importe mínimo de 19 millóns de dólares.
O asunto en cuestión levou ao meirande motor de busca en Internet a modificar a súa política de facturación para asegurarse de obter o consentimento dos clientes, antes de efectuar o cargo por compras dentro da aplicación e outros contidos. Outras compañías como Amazon e Apple xa se enfrontaron a situacións semellantes a esta, cando a xustiza norteamericana as sancionou por levar a cabo prácticas irregulares na facturación de servizos ou produtos de comercio electrónico.
E como é posíbel que un menor de idade poida levar a cabo este tipo de transaccións sen o visto bo dos seus maiores? A resposta atópase no manexo doado que traen as novas tecnoloxías, pois o índice de penetración no mercado que teñen produtos como tablets ou teléfonos móbiles (grazas a prezos moi competitivos), sendo ben común que case en calquera fogar practicamente todos os seus membros teñan acceso ao seu uso. Non sendo conscientes en moitos casos do risco que pode supor deixar un trebello deste tipo en mans dun neno, e máis se con anterioridade se gardaron os datos de sesión para efectuar o pagamento electrónico de aplicacións, descargas de contido ou outros servizos.
Cómpre subliñar que son os videoxogos as aplicacións que se cadra achegan un maior abano de descargas dentro da aplicación, a isto hai que engadir que o seu principal obxectivo son os nenos. É por iso que desde os diferentes organismos reguladores, se fai fincapé no control deste tipo de actividades electrónicas cuxa regulación en boa parte do planeta, aínda presenta algúns baleiros legais.
Engadir, por último, que as solicitudes de reembolsos de clientes que descargaron da tenda Google Play contido de xeito non autorizado, hanse ir facendo cada vez máis frecuentes, facendo que Google teña que ampliar o prazo dispoñíbel para solicitar a cancelación dese tipo de compras. En 2013, o total de descargas de aplicacións en Google Play xa superara os 50.000 millóns e tanto a súa base de usuarios, coma o seu número de aplicacións segue medrando grazas a Android, que segue a liderar con forza o mercado de sistemas operativos móbiles.

PUBLICIDADE