Google volve mudar de estratexia na mensaxería móbil

venres, 20 de abril do 2018 Marcus Fernández

En 2016 Google anunciou un par de ferramentas de comunicación, Allo e Duo, que buscaban atender por separado á demanda de ferramentas de chat e videoconferencia respectivamente, e aínda que estas aplicacións son de bastante calidade, non están a conseguir callar entre o público, que xa ten asumido o uso de aplicacións como WhatsApp ou Facebook Messenger.
A aposta máis arriscada, Allo, leva connosco dende setembro de 2016 con versións para iOS e Android, pero agora están a dar conta de que o seu desenvolvemento está a conxelarse, de xeito que Google pasará agora a dirixir os seus esforzos a aplicación para Android de Chat, que vén a ser a adopción do estándar RCS co que numerosos operadores tentaron facer evolucionar as mensaxes de texto, e que fracasou estrepitosamente en España cando os operadores quixeron impor esta tecnoloxía baixo a marca Joyn.
Google pretende agora que esta tecnoloxía conte con cada vez máis opcións dentro de Android, de xeito que teriamos unha experiencia de uso moi semellante á de Allo, pero non estaría a operar baixo unha plataforma de Google, senón sobre as redes dos operadores de telecomunicacións, aínda que existe un grande problema para empregar o novo Chat: non sabemos se o usuario co que queremos interactuar conta cun dispositivo compatible. Iso ten especial relevancia entre grupos de usuarios nos que son frecuentes os iPhone, xa que os móbiles de Apple teñen a súa ferramenta de mensaxería que compite con RCS (iMessage), facendo que este novo estándar sexa menos universal do prometido, o que podería ser crucial, facendo que sexa difícil o seu éxito cando hai numerosas aplicacións de mensaxería instantánea multiplataforma moi consolidadas.

PUBLICIDADE