Google xa promociona o Monte Pindo como Parque Natural

xoves, 7 de abril do 2016 Fernando Sarasketa

Ao Monte Pindo e a súa arela declaración como Parque Natural estanlle saíndo apoios por todas partes. Mesmo o do buscador Google, que xa o promove coa devandita cualificación de espazo de importancia medioambiental a protexer. Este apoio, por certo, súmase ao das máis de 200 entidades que a día hoxe fan causa común a prol da declaración, fito acadado coa adhesión ben recente da Fundación Universidade da Coruña. Unhas e outras (entidades como o Concello de Carnota, institucións científicas e culturais, empresas, asociacións ecoloxistas, organizacións de propietarios -incluída a do territorio afectado- e agora tamén e de xeito informal Google) coinciden no mesmo e dende diferentes frontes: cómpre coidar ao máximo o Monte Pindo e a súa contorna. E a declaración como Parque Natural é un bo xeito de comezar. A día de hoxe, son xa 205 as organizacións sociais que apoian esta iniciativa.
Respecto da achega de Google, ten un aquel de acto de prestidixitación. De feito o xigante dotou ao macizo granítico de Carnota da cualificación de Parque Natural sen aínda tela conseguido. Esta decisión de Google, por certo, foi comunicada hai uns meses á Asociación Monte Pindo Parque Natural “mediante unha chamada desde as oficinas centrais de Google para Europa, radicadas en Dublín, a capital irlandesa”. O resultado de todo isto é que, a partir de agora, cando introduzamos no famoso buscador os termos “Monte Pindo” o primeiro resultado que obteremos será unha ficha desta importante paraxe costeira cun mapa da zona, valoracións dos usuarios, información sobre o macizo... onde o espazo xa se clasifica como "Parque Natural". De momento isto só pasa cos resultados en español; en galego aparece como "reserva natural".

PUBLICIDADE