Google xa ten aplicación para levar as súas buscas a Windows 8

mércores, 24 de outubro do 2012 Marcus Fernández

Aínda que en Windows 8 dende Microsoft queiran promover o uso do buscador Bing, as opcións de procura na Internet non están limitadas aos servizos da compañía de Redmond, e dende Google xa contan cunha aplicación na tenda en liña de Windows 8, que facilita o acceso aos servizos de busca de Google dende o sistema operativo que estrea Microsoft de xeito oficial o vindeiro venres, e que achega un xeito divertido, rápido e familiar de buscar información dende dispositivos con Windows 8.

A aplicación de Google Search non esquece as buscas por voz

A aplicación permite realizar buscas de Google dende a pantalla principal da aplicación, permitindo incluso o uso do micrófono para realizar consultas a través da nosa voz. Tamén facilita o acceso ás Google Apps a través das súas iconas, conta con tecnoloxía de busca instantánea (vai amosando resultados segundo imos escribindo as nosas consultas), presenta vistas previas dos resultados de busca, permite visualizar os sitios máis visitados clasificados por palabras chave e incluso facilita o acceso a Google dende a opción de busca de Windows 8.

A nova aplicación para Windows 8 inclúe iconas para acceder ás Google Apps

PUBLICIDADE