Gradiant acolle a presentación de CattleCare, revolucionario sistema de xestión para os nosos gandeiros

xoves, 26 de xaneiro do 2017 Redacción

A nosa terra está a xerar importantes e interesantes proxectos inseridos no concepto de Smart Farming, que se podería traducir por tecnoloxías intelixentes aplicadas ao agro, á gandería e á produción acuícola, entre outros ámbitos do noso sector produtivo primario. Unha destas iniciativas é sen dúbida o proxecto CattleCare, impulsado pola cooperativa de segundo grao CLUN (integrada polas firmas galegas FEIRACO, Os Irmandiños e Melisanto) e as empresas tecnolóxicas Conexiona Telecom e Ictel, contado coa participación do Centro Tecnolóxico Gradiant para achegar soporte aos traballos de Investigación e Desenvolvemento necesarios par ao proxecto. CattleCare, segundo puidemos saber, inclúe a creación dunha serie de ferramentas innovadoras para o sector gandeiro de Galicia, “que permitirán mellorar a súa xestión a nivel integral”. Isto será posíbel mediante fórmulas como a da automatización da loxística de distribución.
O proxecto, analizado polo miúdo este mércores 25 nunha xornada técnica na sede de Gradiant en Vigo, diríxese a optimizar o seguimento das reses para extraer datos do comportamento do gando e “poder establecer patróns de comportamento que permitan detectar anomalías ou que sexan indicadores de doenzas, período de celo ou procesos de parto”.
O proxecto, enmarcado no Programa Conecta PEME da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e cun orzamento de máis de medio millón de euros, permitirá crear un dispositivo innovador que, colocado no gando, posibilitará non só o seguimento do seu grao de mobilidade senón tamén clasificar os tipos de actividades que realizan en cada intre. Na sesión tamén se fixo saber que a tecnoloxía resultante amosará a monitoraxe en tempo real do estado dos silos de penso a través de dispositivos de doado emprazamento e coa máxima marxe de adaptación ao medio (non intrusivos).
Como dixemos, o consorcio que impulsará CattleCare está formado por CLUN, cooperativa de segundo grao formada por FEIRACO, Os Irmandiños e Melisanto, que se beneficiará da aplicación desta innovación, e as empresas tecnolóxicas Conexiona Telecom e Ictel, deseñadora dos dispositivos. Pola súa banda, Gradiant como entidade subcontratada, dará soporte ás actividades de I+D específicas necesarias para o desenvolvemento do plan de traballo, como redes de comunicacións, sistemas IoT (Internet das Cousas) e deseño de dispositivos.

PUBLICIDADE