Gradiant adheriuse á organización referencial en materia de biometría

venres, 6 de marzo do 2015 Redacción

Gradiant vén de adherirse a unha das organizacións de investigación referenciais en materia de biometría, ou sexa en materia de avances en seguridade e protección baseados no recoñecemento das características físicas e intransferíbeis das persoas, como por exemplo a pegada dixital ou os iris dos ollos. O centro ao que xuntou forzas Gradiant non é outro que o Biometrics Institute. Coa incorporación do centro galego, o Biometrics Institute pasaría a contar con máis de 175 organizacións, entre as que se inclúen grandes multinacionais do ámbito bancario ou do transporte (empresas moi interesadas en avanzar en materia de eficacia e axilidade na seguridade), como por exemplo Barclays Bank, British Airways, Santander, Fujitsu, Mastercard, Wells Fargo Bank, FBI, etc.
Segundo apuntou David Cortizo, director xeral de Gradiant, a devandita incorporación constitúe unha moi boa nova para o centro galego, xa que o apoio do Biometrics Institute “reforza a posición de Gradiant no devandito eido de investigación”. Tamén lembrou que a misión do dito organismo internacional é promover o uso responsábel da biometría como foro internacional independente e imparcial para usuarios. Segundo engade Gradiant, o instituto foi fundado en xullo de 2001, en resposta a unha necesidade da industria como foro imparcial para o intercambio de coñecementos e información sobre a biometría. Conta con oficinas en Londres e Sydney, e dispón dunha rede mundial sobre biometría.
Sobre as razóns de que Gradiant se tivera engadido á organización inclúense as seguintes: por unha banda, co obxectivo de facer networking e compartir experiencias con gobernos, provedores e usuarios de tecnoloxías biométricas, nun foro imparcial de máis de 170 organizacións; pola outra para elevar aínda máis o perfil de Gradiant na industria, así como para promover esta industria en xeral. Tamén se pretende tirar partido desta alianza para contar cun único punto de contacto para a biometría e conectar directamente con máis expertos na industria.

PUBLICIDADE