Gradiant amosa as vantaxes dunha das súas liñas de traballo de meirande calado: a Internet das Cousas

luns, 17 de xuño do 2013 Redacción

Entre o amplo abano de tecnoloxías que son obxecto de traballo e investigación no centro Gradiant, atópase unha que nos toca ben de preto, a nós os usuarios das TIC e tamén a todo o inmediato e familiar que nos rodea: dende un equipo de música até un chisqueiro, pasando por múltiples exemplos do que poderiamos chamar prolongacións tecnolóxicas de nós mesmos. Falamos do concepto da Internet das Cousas (Internet of Things, IoT), unha metodoloxía de traballo que persegue dotar de novas capacidades aos elementos da nosa vida diaria, sendo obxectivo disto permitir que aqueles “poidan percibir, integrar e presentar os diferentes aspectos do mundo físico como participantes activos máis”. Así nolo conta Diego Celix Salgado, investigador de Gradiant, que explica que do que se trata é de que os obxectos compartan datos con outros membros da Rede ou con calquera outra parte interesada en recoñecer eventos e cambios na súa contorna para reaccionar de xeito autónomo de maneira axeitada.
Trátase dunha tecnoloxía pero tamén dunha filosofía de traballo, que en Gradiant está a abrir importantes liñas de investigación arredor de sistemas operativos como Contiki e protocolos como CoAP ou 6LoWPAN, amais de ter xerado varios desenvolvementos innovadores. Segundo nos recorda Diego Celix, IoT acaparou un gran interese nos últimos anos, e arestora está a piques de provocar unha nova transformación de Internet, unha vez que a Rede interconectou ás persoas a un ritmo e a unha escala sen precedentes. A xuízo do investigador, a vindeira revolución será a de facer o mesmo cos obxectos, facilitando a creación de contornas intelixentes. Pero, con todo, hai atrancos que salvar. “Un dos principais problemas para o desenvolvemento software para IoT”, explica, “é como crear de maneira sinxela aplicacións interactivas que combinen varios dispositivos heteroxéneos, que poidan traballar a través de diferentes tecnoloxías de conexión; outro dos problemas a salientar é asegurar que os servizos que se definan continúen a funcionar cos dispositivos e tecnoloxías futuras”. Unha vez máis, estamos ante cuestións de converxencia, estandarización e compatibilidade, que a estas alturas deberan estar máis que resoltas. A solución, explican dende o centro de investigación galego, sería un protocolo universal sinxelo, lixeiro, debilmente axustado, adaptábel, evolucionábel, flexible e o máis estandarizado posible. “A Web actual cumpre con estes requisitos polo que a visión actual máis estendida da paradigma de IoT é a denominada Web of Things (WoT), na que se soportan os estándares abertos da Web para o intercambio de información e control dos dispositivos”, continúa Celix, que sostén que “introducir obxectos intelixentes na Internet existente enriquécea con servizos do mundo físico e, deste xeito, a barreira entre o mundo físico e o virtual estase a facer cada vez máis delgada”.
A Internet das Cousas, xa nolo contaba a redacción de Falarse en 2012, constitúe a nosa seguinte fronteira tecnolóxica. Ao outro lado da liña, por outra banda cada vez máis esvaecida, teremos un amplo mundo de posibilidades na interacción cos obxectivos cotiáns. Poderemos, entre outras cousas, controlar as nosas cousas como nunca antes puidemos facelo (abrir as persianas das xanelas do fogar sen estar no fogar, achegar o destino do día ao coche dende o computador) ou mellorar (e moito) a calidade de vida das persoas dependentes ou con problemas de mobilidade ou saúde. O alicerce desta revolución é sen dúbida a Rede e os dispositivos conectados, dispositivos que xa non serán, de xeito exclusivo, computadores e móbiles. Calcúlase, neste senso, que para 2020 haberá 50.000 millóns de obxectos conectados a Internet.

PUBLICIDADE