Gradiant comandará un dos grupos de traballo da Alianza Europea para a Innovación na Internet das Cousas

mércores, 17 de xuño do 2015 Fernando Sarasketa

O centro tecnolóxico Gradiant vén de ser elixido como a entidade que liderará e coordinará un dos grupos de traballo investigador máis salientábeis da Alianza Europea para a Innovación na Internet das Cousas, a Alianza AIOTI. Esta iniciativa, que se apoia no traballo do Clúster de Investigación Europea na Internet das Cousas (IERC), ten o obxectivo de fomentar e impulsar o desenvolvemento de tecnoloxías baseadas no concepto dos obxectos conectados como fonte de información e comunicación. Este labor serviralle de apoio á Comisión Europea, que segundo nos lembran dende Gradiant, considera como ámbito prioritario de traballo o eido da Internet das Cousas (así se fai saber no contexto do Programa Marco Horizonte 2020).
Amais de fomentar e impulsar tecnoloxías baseadas nos obxectos conectados, a Alianza fará guías de traballo orientadas a mellorar a eficacia e eficiencia dos desenvolvedores: recomendacións relativas ao deseño e obxectivos dos proxectos piloto a gran escala que se porán en marcha en toda Europa a partir de 2017. E co apoio do Horizonte 2020 da Comisión Europea. Dentro da Alianza AIOTI creáronse once grupos de traballo (WG), formados polos principais actores dentro da industria e a investigación a nivel europeo.
Trátase dos seguintes grupos: WG 1: Clúster de investigación europea en IoT, WG 2: Ecosistemas de Innovación, WG 3: Estandarización IoT, WG 4: Aspectos políticos (responsabilidade, seguridade, privacidade), WG 5: Contornas intelixentes para o envellecemento activo, WG 6: Smart Farming e seguridade alimentaria, WG 7: Wearables, WG 8: Cidades Intelixentes,WG 9: Mobilidade intelixente, WG 10: Ambiente intelixente e, por último o grupo WG 11: Fabricación intelixente.
Segundo informa Gradiant, de todos os colectivos de traballo resulta de “especial relevancia” para Galicia o grupo sexto, o referido a Smart Farming and Food Security (Granxas Intelixentes e Seguridade Alimentaria), debido sobre todo “á importancia que o sector primario e as actividades agrogandeiras teñen para a Produto Interior Bruto Galego e a súa particular estrutura.
Gradiant será a entidade encargada de comandar este grupo sexto. Polo que respecta aos demais postos de dirección (board) do resto dos colectivos de traballo, sinalar que serán asumidos por grandes compañías do ámbito tecnolóxico e innovador, como Cisco, Samsung, Bosch, Vodafone, Sigfox ou Philips, amais de entidades como ETSI ou outros axentes de investigación punteiros a nivel europeo como SINTEF.
A Internet das Cousas
Respecto ao concepto da Internet das Cousas e o seu alcance, o centro Gradiant lembra que este ámbito de investigación representa o seguinte paso cara á dixitalización da nosa sociedade e a nosa economía, “un futuro no que os obxectos e as persoas estarán interconectados a través de redes de comunicación, informarán e mesmo poderán interactuar sobre o seu estado e o da súa contorna”.

PUBLICIDADE