Gradiant impulsa metodoloxías para garantir a máxima privacidade no deseño industrial

luns, 14 de marzo do 2016 Redacción

Unha das moitas liñas de traballo do centro tecnolóxico Gradiant no ámbito da seguridade é a súa contribución ao proxecto PRIPARE, polas súas siglas en inglés PReparing Industry to Privacy-by-design by supporting its Application in Research (traducíbel por Preparando a Industria para a Privacidade no Deseño Industrial apoiando a súa Aplicación en Investigación). O proxecto foi financiando en parte pola Comisión Europea, a través do Sétimo Programa Marco (FP7). O seu obxectivo é facilitar a aplicación de metodoloxías de privacidade e seguridade no deseño industrial e de tecnoloxías intelixentes (security-by-design), e todo isto facendo fincapé na necesidade de pór en marcha as ditas metodoloxías no intre mesmo en que se crean e materializan as tecnoloxías.
Segundo informa Gradiant, as ditas metodoloxías “garanten que o deseño de sistemas TIC teña en consideración requirimentos de seguridade, incluíndo a privacidade dos usuarios, e implementando mecanismos axeitados para o seu cumprimento”.
Os participantes en PRIPARE son, amais do centro galego Gradiant, Trialog (coordinador), Atos, Trilateral Research and Consulting, Inria, The American University of Paris, a Universidade Politécnica de Madrid, University of Ulm, Fraunhofer SIT, Waterford Institute of Technology e KU Leuven.
Ao abeiro do proxecto, Gradiant coordina o grupo WP5 - Gaps and Recommendations. Neste paquete de traballo identificaranse problemas que dificulten a consideración de medidas para garantir a privacidade dos usuarios durante o deseño de sistemas TIC. Asemade, o centro galega participa de maneira activa no WP1 - Defining PRIPARE Methodology e máis no WP6 - Dissemination within research and industry communities.
Engadir que PRIPARE comezou a súa andaina en outubro de 2013, como iniciativa de impulso tecnolóxico e, tamén, como fonte de material divulgativo e formativo. De feito, a finais de 2015 os coordinadores do proxecto ceibaron un conxunto de documentos que describen a práctica da enxeñaría de privacidade industrial, “cubrindo actividades como a administración de risco de privacidade, o estudo dos requirimentos, as estratexias de deseño, o mantemento e a conformidade. Podemos ver este manual de metodoloxías nun documento PDF accesíbel para a comunidade en liña e máis na propia web da iniciativa.

PUBLICIDADE