Gradiant impulsa redes intelixentes que aseguren a tódolos niveis a eficiencia enerxética nos fogares e empresas

xoves, 13 de decembro do 2012 Redacción

En Código Cero temos falado de Grid, unha metodoloxía/tecnoloxía que, sen necesidade de grandes investimentos en infraestruturas e computación (trátase de aproveitar o que existe), diríxese aplicar no traballo en liña, cos máis diversos e complexos obxectivos científicos, un xeito de traballar que ten dado ao longo de historia moitos e moi bos resultados: o traballo colectivo. Neste caso concreto, non convocando tanto mans como aparellos. Pois ben, resulta que agora que estabamos a coñecer o Grid, pois cómpre comezar a falar de outra cousa: Smart Grid, un paso máis alá na combinación de estruturas e recursos. Para entendelo en toda a súa dimensión, nada mellor que un exemplo concreto. Por exemplo o proxecto Mefisto, no que está a traballar o centro Gradiant e que consiste en aplicar estas metodoloxías ao eido da enerxía.
Sinalar, antes que nada e para situármonos, que Smart Grid combina a medición e a negociación intelixentes, permitindo entre outras cousas que os consumidores poidan ser tamén produtores de enerxía limpa, a partir de fontes renovábeis. Por exemplo: paneis fotovoltaicos, aeroxeradores ou coches eléctricos devolvendo á Rede enerxía almacenada. Para velo claro e tal e como nos recordan dende Gradiant, Smart Grid permitirá a interacción entre os produtores e millóns de consumidores para a optimización global do sistema, abrindo a oportunidade de novos servizos de valor engadido. Asemade, estas técnicas (e aquí centra Mefisto un parte dos seus esforzos) poderían posibilitar a adaptación de protocolos IMS (IP Multimedia Subsystem) para integrar o tráfico na rede de operadores de telecomunicacións como outro servizo IMS, xunto aos convencionais. “Isto”, sinala Gradiant, “constitúe unha situación de mutuo beneficio para operadores e compañías eléctricas debido á mellora dos retornos de investimento das infraestruturas dos primeiros e o acceso inmediato a unha rede de confianza, ubicua e altamente escalable para as segundas”.
Mefisto (Rede eficiente e intelixente para a caracterización e organización do tráfico de datos) insírese de cheo na nova corrente que promulga a interoperabilidade, a integración, a escalabilidade de recursos e máis (como dixemos) as enerxías renovábeis e o seu máximo rendemento. Segundo nos recorda o investigador de Gradiant, Felipe Gómez Cuba, “non hai enerxía máis barata e limpa que a enerxía aforrada: non non importa como de limpas sexan as nosas fontes, sempre o poderemos facer mellor se evitamos malgastar enerxía innecesariamente en primeira instancia”. Esta é a base da eficiencia enerxética, que ten como principal obxectivo a promoción de novos hábitos, a tódolos niveis, para acadar un mundo máis limpo. “A clave para a eficiencia enerxética”, engade, “é por tanto detectar o que é necesario e o que non, e o que pode ser posposto e o que non; noutras palabras, o problema da eficiencia enerxética é un problema de información”. Este, precisamente, é o concepto fundamental da Smart Grid, ou rede intelixente: cómpre combinar a rede eléctrica coa recente revolución das comunicacións para facer unha rede que sexa intelixente e que sexa quen de predicir o comportamento dos dispositivos conectados. “Unha rede así”, sinálase dende Gradiant, “poderá notificar aos usuarios cando poden aforrar enerxía mediante accións sinxelas, permitindo aos produtores minimizar os seus custes ao xerar enerxía seguindo precisas medicións da demanda”.
Unha das tecnoloxías fundamentais para o devandito son os smart meters (contadores dixitais): aparellos dixitais intelixentes que están a chegar arestora a España e que reemprazan aos tradicionais contadores da luz mecánicos, pudendo medir distintos parámetros de consumo coa máis fina granularidade, transmitilos mediante redes de datos, e aceptar xestión remota. Por certo que a rede que conecta estes contadores dixitais dos fogares co tecido de distribución coñécese como Last Mile (derradeira milla). En base a todo isto, achégase a oportunidade de tirar proveito da alta capacidade das infraestruturas de acceso ás redes equipadas polos subministradores de Internet nos edificios antes de que comezase o afianzamento do Smart Grid. Alugar parte desta capacidade, explica Gradiant, pode ser interesante para a transmisión de datos da rede intelixente, pero o tráfico dos smart meter ten diferentes necesidades có tráfico dos usuarios, e resulta necesario establecer certas distincións. A través de Mefisto, Gradiant investiga a coexistencia dos dous servizos nunha rede común e desenvolve políticas para a enxeñería de tráfico e a diferenciación de calidades de servizo neste contexto. Os primeiros resultados foron presentados no congreso IEEE Innovative Smart Grid Technologies conference 2012 (Berlín), e os máis recentes están por ser publicados nun número futuro do xornal científico internacional IEEE Transactions on Smart Grid.

PUBLICIDADE