Gradiant incorpórase ao proxecto europeo para a construción da Rede do futuro

luns, 2 de xuño do 2014 Redacción

O centro tecnolóxico Gradiant vén de incorporarse a FI-WARE, proxecto para dar forma a unha infraestrutura baseada na nube e dispoñíbel para a creación de aplicacións e servizos ao abeiro do que se coñece como Internet no Futuro. Segundo sinalan fontes do centro tecnolóxico galego, este proceso de creación dará como resultados recursos innovadores “a unha escala nunca antes vista”.
Por certo que FI-WARE é unha iniciativa inserida no programa de actividades da entidade público-empresarial europea FI-PPP, polas súas siglas Future Internet Public-Private Partnership. Ou sexa, traducido ao galego, Asociación Público-Privada para a Internet do Futuro. Segundo engade Gradiant, esta entidade é o principal referente da Unión Europea en canto ás políticas de construción da Rede do día de mañá.
A súa posta en marcha responde a un obxectivo específico e firme da Unión Europea: ter a máxima responsabilidade na construción da Sociedade do Coñecemento dos anos vindeiros, unha Sociedade do Coñecemento que afectará a tódolos ámbitos da nosa vida cotiá e revolucionará a nosa comunicación e a relación cos demais cidadáns, coas administracións e mesmo cos obxectos. Para isto, a Comisión impulsa FI-PPP e a iniciativa FI-WARE, co fin de pór a disposición dos desenvolvedores de software ferramentas fortes e estábeis que posibiliten a súa participación no apuntalamento da Rede futura.
Segundo engade o centro tecnolóxico galego, as API FI-WARE son públicas e libres de regalías, movidas pola arela de desenvolver e afianzar unha referencia en código aberto que acelere a dispoñibilidade de produtos e servizos comerciais baseados nas tecnoloxías FI-WARE. E explica Gradiant: “Fi-WARE desenvolve unha nova infraestrutura construída con elementos que ofrecen funcións reutilizábeis e compartidas comunmente, a través da cal será máis doado desenvolver futuras aplicacións de Internet en múltiples sectores, especialmente no ámbito dos servizos públicos das denominadas cidades intelixentes”.
Gradiant incorporouse a FI-WARE en calidade de socio, o que lle permitirá -entre outras cousas- ter representación “nun dos foros máis influentes para dilucidar como será a Internet do Futuro”, explica o centro galego.

PUBLICIDADE