Gradiant participa esta semana na xuntanza do Biometrics Institute

mércores, 22 de xuño do 2016 Redacción

Gradiant participará na Reunión de Membros do Biometrics Institute que se vai celebrar en Londres durante o 24 de xuño, na que presentará a posición do centro tecnolóxico galego sobre sobre os retos e oportunidades para as tecnoloxías biométricas de cara ao futuro. Daniel Ramos, responsábel de Desenvolvemento de Negocio Internacional de Gradiant, e Esteban Vázquez, Biometrics Team Leader do dito centro tecnolóxico, presentarán a charla A investigación sobre a protección de persoais biométricas, a detección de vida, e o noso enfoque sobre a vulnerabilidade durante o evento londiniense.
Segundo informa Gradiant a quen queira botar máis luz sobre os desenvolvementos a expoñer en Londres e as súas posibilidades, as aplicacións de proba destas tecnoloxías biométricas están dispoñíbeis para a súa descarga e instalación no Appstore ou en Google Play, ou desde o sitio web www.biometricsbygradiant.com.
Lembrar que o Equipo de Biometría de Gradiant atesoura máis de dez anos de experiencia na investigación biométrica, con grandes éxitos de transferencia tecnolóxica á industria cara a sectores como a banca, a saúde e o control de acceso.
Recordar tamén que Gradiant é membro oficial do Biometrics Institute dende 2015. Esta entidade, como lembraremos, aglutina no seu seo máis de 175 organizacións mundiais, entre as que se inclúen grandes multinacionais do ámbito bancario ou do transporte, como por exemplo Barclays Bank, British Airways, Santander, Fujitsu, Mastercard, Wells Fargo Bank, FBI, etc.
A misión do dito organismo é promover o uso responsábel da biometría como foro internacional independente e imparcial para usuarios. Foi fundado en xullo de 2001, en resposta a unha necesidade da industria como foro obxectivo para o intercambio de coñecementos e información sobre a biometría. Conta con oficinas en Londres e Sydney, e dispón dunha rede mundial sobre biometría.

PUBLICIDADE