Gradiant pon en xogo unha tecnoloxía que identifica unha persoa falante coas máximas rapidez e precisión

martes, 22 de marzo do 2016 Redacción

O centro tecnolóxico Gradiant está a dar pasos decisivos no ámbito da tecnoloxía de recoñecemento de voz. Froito desta liña de traballo e desta experiencia adquirida xorde GradiantVoice, un desenvolvemento que xa conta con app de avaliación para dispositivos e que destaca por integrar a tecnoloxía de identificación do locutor máis recente do centro tecnolóxico galego (especialmente deseñada para autenticación) coa seguridade en escenarios de mobilidade. Segundo informa o centro, GradianVoice abrangue un conxunto de bibliotecas prontas para a súa integración en plataformas móbiles e de servidor. Como dixemos, permite a identificación e a verificación da persoa falante aos poucos segundos de encetar o discurso.
Como características salientábeis, podemos destacar da tecnoloxía GradiantVoice que está deseñada e creada para escenarios móbiles, que se procesa en dispositivos móbiles e en tempo real (extracción rápida do modelo a partir de secuencias de audio), que é multiplataforma (opera con todas as plataformas dispoñíbeis para móbles e de escritorio), que achega modelos biométricos cen por cen compatíbeis entre computador e móbil, o que posibilita diferentes arquitecturas de sistema. A maiores, fornece as máximas garantías de seguridade, conveniencia e dispoñibilidade, “grazas á doada combinación coas demais modalidades biométricas de Gradiant, como Face Recognition ou Signature Recognition”, segundo informan dende o centro tecnolóxico galego.
Asemade, GradiantVoice integra no seu seo varios módulos, co fin de “proporcionar unha solución completa de autenticación”. Tamén abrangue módulos de control de adquisición e micrófono para dispositivos móbiles, que permiten unha integración rápida e máis o desenvolvemento de aplicacións de terceiros. Outro dos seus elementos é un algoritmo rápido (Voice Activity Detection) que é quen de detectar e desbotar segmentos de silencios. Este algoritmo está cen por cen optimizado para dispositivos móbiles.

PUBLICIDADE