Gran Hermano 16, o máis buscado en Google en España

mércores, 16 de decembro do 2015 Fernando Sarasketa

As cousas máis buscadas en Google ao longo de 2015 son un bo xeito de facer repaso da actualidade do ano. Asemade, tamén son un bo xeito de comprobar até que punto perdemos o tempo na Rede procurando cousas que non teñen nin terán importancia real algunha. Porque, por moito que se diga, o feito de que en España as cuestións máis buscadas en Google foran, nesta orde, o programa Gran Hermano 16, o festival de Eurovisión e o espazo televisivo Superviventes, a verdade é que non deixa ao país no mellor lugar posíbel en canto a uso práctico e rendíbel das novas canles da información. Por certo que no cuarto posto situáronse as eleccións nas que estamos de cheo mergullados. A nivel internacional a cousa semella mellorar un algo, aínda que non moito.
En primeiro lugar no ámbito mundial está o xogador de baloncesto Lamar Odom, que logo de pasar por un calvario de adiccións diversas foi quen de iniciar unha recuperación e proclamalo ao mundo.
No segundo posto están os incidentes relacionados coa publicación Charlie Hebdo, e no quinto está unha cuestión relacionada coa anterior e co terrorismo fundamentalista islámico: os recentes atentados de París. En terceiro lugar das cousas máis buscadas en Google a nivel internacional está Agar.io, que é un xogo en liña cuxa metodoloxía consisten en poñernos na “pel” dun punto na pantalla ao que temos que facer máis medrar a costa dos contrincantes máis miúdos. No cuarto emprazouse a peli Jurassic World.

PUBLICIDADE