Gran aceptación de O Apóstolo na súa presentación perante socios e coprodutores

martes, 16 de marzo do 2010 Raquel Noya

A produtora compostelá Artefacto Producciones presentou o sábado no seu estudio a longametraxe de animación O Apóstolo, cuxa rodaxe, se todo vai como ten que ir, debería finalizar a finais do vindeiro mes de abril.
Nesta xornada, os socios e coprodutores da película e os representantes das diferentes administracións que colaboran na mesma coñeceron os detalles do proceso de creación e solventaron as súas dúbidas acerca do traballo dos membros do equipo.
Francisco Singul, representante da Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo, destacou “a maridaxe entre tecnoloxía e traballo artesanal” que se da neste proxecto, así como a referencia do guión ao Camiño de Santiago e a cidade de Compostela, “unha carta de presentación”, segundo el, “moi importante para ambos espazos de peregrinaxe”.
Pola súa parte, José Manuel Villanueva, representante do Concello de Santiago, afirmou estar satisfeito coa súa contribución ao proxecto, dende o apoio para a creación de Artefacto como empres a través do programa Crear, así como coa contribución á promoción e difusión da longametraxe dende a Concellaría de Turismo.
Por último, despois da intervención de parte do equipo técnico, do director, e dos actores e actrices que lle dan voz aos protagonistas do film, a produtora ejecutiva, Isabel Rey, agradeceu a asistencia e colaboración de tódolos participantes, así como a aquelas persoas que non puideron acudir ao acto e aproveitou a ocasión para convidar aos asistentes á premiere, que terá lugar o vindeiro 17 de xullo de 2010 no Auditorio de Santiago de Compostela.

PUBLICIDADE