Grande éxito das xornadas virtuais de portas abertas da UDC

mércores, 13 de abril do 2022 Redacción

A Universidade da Coruña organizou os pasados días 30 e 31 de marzo as Xornadas de Portas Abertas Virtuais co obxectivo de dar a coñecer a oferta formativa do próximo curso e achegar as facultades e escolas universitarias ao futuro alumnado. Por terceiro ano consecutivo, desde a Vicerreitoría de Estudantes, Participación e Empregabilidade organizouse esta xornada virtual que tivo 5.414 visitas á páxina web de Portas Abertas e 6.551 usuarios na páxina web de Futuros Estudantes.
Para estas Xornadas, a Vicerreitoría que dirixe María José Lombardía promoveu a produción de vídeos protagonizados polo alumnado de cada un dos centros da UDC, nos que libremente expresaron as súas opinións sobre o título que estuda, o centro e a propia Universidade. Estes vídeos tiveron un total de 14.753 visualizacións e foron o eixo dunha campaña de difusión das Xornadas de Portas Abertas Virtuais en redes sociais que tivo un alcance de 50.658 usuarios. Os vídeos poden verse na canle da UDC en YouTube.
Ademais, debido ao éxito de participación, a UDC mantén activa a páxina web coa información de interese para o futuro alumnado. Así mesmo, todas as persoas interesadas en acceder á Universidade da Coruña teñen tamén unha web con información de interese.
A Xornada Virtual de Portas Abertas da UDC incluía no seu programa videoconferencias para coñecer as titulacións de grao, con chats en directo. Ademais, o estudantado podía participar nos diversos retos e obradoiros que algúns centros e servizos da UDC propuxeron para dinamizar a xornada aprendendo competencias e curiosidades didácticas. Ademais, o delegado da UDC na Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), entidade organizadora das probas de acceso ao sistema universitario galego (ABAU), Pedro Armas, impartiu dúas charlas virtuais para explicar como será a ABAU deste ano, así como para dar información sobre a preinscrición para o novo curso.

Selección de vídeos elaborados para as Xornadas de Portas Abertas Virtuais da UDC

PUBLICIDADE