Granxafamiliar.com gaña apoios: os das empresas de transporte Tourline Express e Integra2

venres, 23 de xaneiro do 2009 Fernando Sarasketa

Granxafamiliar.com, un dos proxectos galegos nos que máis se aposta por integrar o uso da Rede na economía rural (e viceversa), está a recibir estes días importantes apoios para o seu desenvolvemento e, tamén, para o incremento dos seus integrantes: até o de agora dúas ducias de explotacións agrarias da nosa xeografía. A proposta, orixinada en Antas de Ulla e Brión e logo estendida a Lalín e outros concellos, veu da man do Grupo de Investigación Sociedade, Tecnoloxías e Territorio da Universidade de Santiago de Compostela (Gis-T Idega). Este departamento da USC, comprometido non só coa posta en marcha do proxecto senón co seu medre, vén de asinar acordos de colaboración coas empresas de transporte Tourline Express e Integra2, dúas firmas con importante presenza en Galiza, España e, por extensión, nos principais mercados potenciais das devanditas granxas galegas e dos seus produtos.
En definitiva, en virtude deste convenio búscase intensificar as actividades de venda e distribución directa e sen intermediarios, dándose especial importancia a aqueles produtos que requiran máis necesidade de refrixeración e sen que o prazo da entrega vaia alén dos dous días (reducíndose nalgúns casos a unhas poucas horas).
Segundo apuntaron os tres colaboradores nesta iniciativa conxunta, a idea básica é semellante a de calquera acordo de participación en mancomún, pero con especiais vantaxes engadidas: todas as partes saben beneficiadas, tanto os compradores (que terán antes os produtos á súa disposición), como os vendedores (que melloran e optimizan a rede de reparto e achega) como o propio equipo de investigación responsable de Granxafamiliar.com, que dará pasos adiante en materia de esculca e avaliación de novos xeitos de mercar e vender a través da Rede.
Polo que respecta ás empresas de transporte, grazas a esta iniciativa poderán afianzar a súa presenza e actividade en Galiza e España, amais do seu prestixio (posto que contribúen a espallar produtos de primeira calidade e que apostan por novas vías comerciais alternativas ás convencionais).
O convenio, que foi presentado esta mesma semana, pon ás granxas galegas integrantes da rede en disposición de levar as súas colleitas a calquera punto da nosa xeografía e da Península por enteiro, colleitas nas que (por poñer uns exemplos) inclúense produtos que tradicionalmente se destinaban ao consumo familiar e que agora achegan novas oportunidades de riqueza e desenvolvemento económico: hortalizas, viño ou mel. Como dixemos, o convenio asinado tamén representa unha aposta por un novo tipo de comercio a todos os niveis: xa non estamos a falar só dunha venda e distribución acordada a través das novas tecnoloxías (que achegan inmediatez, seguridade e comodidade, amais de evitar desprazamentos: para os que venden e para os que mercan), senón tamén dunha actividade comercial que non precisa de intermediarios, hoxe en día os meirandes beneficiarios da achega de produtos dende o rural ás cidades e a costa de todos os implicados: os produtores e os clientes. Para o equipo responsable de Granxafamiliar.com, facéndose eco de datos subministrados pola Coordinadora Estatal de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (COAG), xa é hora de buscar vías substitutivas máis xustas cos que venden e cos que mercan. Segundo informacións de COAG, as cadeas de intermediarios obteñen, sen apenas asumir riscos, unha marxe que a miúdo supera o 450% de ganancias sobre o prezo en orixe dos produtos agrarios, e acadando valores que no caso das patacas e das laranxas “chegan a superar o 1000%”, matizan os membros de Gis-T Idega.

PUBLICIDADE