HP e Intel celebraron co CESGA os seus vinte anos de supercomputación

martes, 25 de xuño do 2013 Redacción

HP e Intel estiveron a pasada semana na sede do Centro de Supercomputación de Galicia para participar directamente nos actos de celebración dos 20 anos de actividade deste complexo galego de I+D (dúas décadas de tecnoloxías innovadoras e de achega de cálculo intensivo para máis de medio milleiro de usuarios). Na cita profesional, celebrada o venres, festexouse o devandito pero sobre todo a relación CESGA-HP-Intel, que comezou hai máis de dez anos coa incorporación ao CESGA de equipamento de Compaq, que logo foi adquirida por HP, e que proseguiu con fitos de tal importancia como a habilitación do FinisTerrae, supercomputador chegado ao CESGA en 2008 e que lle permite, entre outras cousas, facer 33 billóns de operacións por segundo, xerar 27 millóns de horas de cálculo e almacenar máis de 2,2 millóns de xigabytes de datos.
Lembrar que o FinisTerrae foi na súa estrea todo un acontecemento para a nosa historia tecnolóxica, xa que ostentaba a honra de ser o terceiro equipamento do mundo en materia de memoria compartida. Segundo sinalou o CESGA no acto do venres, o FinisTerrae “resultou imprescindíbel para a posta en marcha e desenvolvemento de múltiples proxectos de investigación de gran envergadura, dificilmente abordables con outras tecnoloxías”.
Durante a xornada, os asistentes tiveron a oportunidade de visitar as instalacións do centro galego, emprazado no Campus Sur compostelán, e contaron coa presenza de Antonio Figueras, vicepresidente do CSIC; José María da Torre, vicepresidente de HP Enterprise Group para España e Portugal; Javier García Tobío, director do CESGA; Norberto Mateos, director xeral de Intel para a rexión Sur de Europa e Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo. A continuación, desenvolveuse unha conferencia-coloquio na que se abordou o valor que o CESGA ten para a sociedade galega e o FinisTerrae para o propio centro. “Grazas ao supercomputador de HP”, sinalouse, “o centro converteuse nun referente mundial nos eidos do cálculo científico e técnico, fomentando desde Galicia as relacións con numerosos grupos de investigación de ámbito internacional”. José María de la Torre sinalou ao respecto que “HP apostou polo CESGA dentro do seu compromiso continuo pola innovación, a I+D+i e as infraestruturas de investigación. Esta aposta foi, sen dúbida, todo un éxito que permitiu impulsar a Galicia na Sociedade do Coñecemento a nivel global”. Pola súa banda, o director xeral de Intel Iberia dixo que as novas tecnoloxías permitirán nos vindeiros anos contar con supercomputadores que consumirán “un 10% da enerxía dos actuais” mentres son cada vez máis potentes.

PUBLICIDADE