HTC rexistra o seu primeiro trimestre con perdas

venres, 4 de outubro do 2013 Marcus Fernández

O fabricante taiwanés publica os seus resultados sen auditar para o terceiro trimestre do ano, rexistrando uns ingresos de 47.050 millóns de dólares taiwaneses (1.117 millóns de euros) e unhas perdas operativas de 2.970 millóns (74,3 millóns de euros), o que supón a primeira vez que a compañía dá perdas dende que que comezou a cotizar en 2002, o que supón que a boa aceptación do HTC One non foi suficiente para revivir a unha compañía que está a verse totalmente eclipsada por Apple e Samsung.
En boa medida os malos resultados de HTC están provocados por problemas dentro da propia compañía, pois o HTC One tardou en chegar ao mercado moito máis do que sería desexable por mor de dificultades técnicas, situación que parece que volveu a repetirse co HTC One Mini, que tivo problemas de abastecemento.
A cotización bolsista de HTC caeu máis dun 50% nos últimos 12 meses, e a decadencia podería continuar, pois os analistas non provén unha recuperación da compañía a nivel de vendas.

Windows Phone nos móbiles con Android


HTC tamén foi unha das empresas que apoiou o lanzamento de Windows Phone 8 cun par de terminais que, aínda que non conseguiron destacar nun mercado dominado por Nokia levou a Microsoft a iniciar conversas con HTC para estudar a posibilidade de introducir Windows Phone nos móbiles baseados en Android da compañía, para o que a compañía taiwanesa podería ter que pagar un custo de licenzas moi reducido (ou incluso cero), e aínda que non se coñece o estado actual das negociacións, pero de ser posible que algúns dos móbiles de HTC incluísen o sistema operativo móbil de Microsoft como opción podería resultar moi interesante para os consumidores.

PUBLICIDADE