Hacce lanza un videoxogo que nos pon na pel de Abel Caballero prendendo luces de Nadal

xoves, 19 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

A empresa viguesa Hacce, especializada en deseño dixital e interacción, vén de crear un mini-xogo colaborativo con motivo do alumeado de Nadal do que tanto se fala estes días: a iluminación impulsada polo Concello e o alcalde vigués, Abel Caballero, na dita citade. O xogo, que consiste en poñernos na pel do rexedor para acometer a nada doada tarefa de acender as luces festivas, proponnos o reto de chegar aos 10 millóns de LED prendidas (a maior iluminación da historia das iluminacións navideñas viguesas). A proposta chámase JingABELs (Ilumina como puedas) e promete ser unha das estrelas dos móbiles este Nadal.
O xogo, que está dispoñíbel de balde en calquera navegador, percorre os 2.700 arcos, 334 rúas, 465 árbores, mercadiños, beléns e monumentos nos que a alcaldía da cidade repartiu a espectacular decoración do Nadal este ano.
O obxectivo de Hacce, responsábel do desenvolvemento do videoxogo, non é outro que felicitar con humor, diversión e lecer as festas, convidando a vigueses e non tan vigueses a participar no que xa é, nas súas palabras, “o maior acontecemento que vive a cidade olívica, o aceso da súa iluminación do Nadal”.
O director executivo (CEO) de Hacce, Pablo López indicou que “a idea era felicitar as festas combinando o noso saber facer, a programación web, con algo moi local, que nos representase”. Segundo engadiu, “o que acontece aquí co Nadal está xa, finalmente, na fala da xente cada día, polo que tras un par de reunións, o equipo decidiuse por cambiar o noso tradicional christmas dixital por JingABELs”.
A axencia de desenvolvemento web Hacce, con máis de 15 anos de experiencia, é un referente en proxectos dixitais na área local e conta entre os seus clientes con Estrella Galicia, Abanca, ADIF, RC Celta de Vigo ou Kaleido.

PUBLICIDADE