Holanda é o primeiro país do mundo en abandonar a televisión analóxica

martes, 12 de decembro do 2006 Marcus Fernández

Levamos moitos meses falando da Televisión Dixital Terrestre e do apagón analóxico que faría que fose imposible recibir a televisión nos televisores actuais que non estivesen adaptados (e que de seguir así non acontecerá ata despois de 2016), pero o que sorprende nestes momentos é que xa se produciu o primeiro apagón analóxico do mundo. Así, os holandeses dinlle adeus á televisión analóxica.
Estimábase que só quedaban uns 74.000 fogares con recepción analóxica (dun país con 16 millóns de habitantes), e que só unhas 220.000 persoas facían algún uso ocasional da televisión analóxica (principalmente en casas de campo ou residencias de veraneo), polo que o apagón analóxico era unha medida aceptable, de xeito que concederon a Royal KPN NV a explotación das frecuencias empregadas para a televisión analóxica de xeito que agora se empregan para a TDT, nunha oferta que incluirá varias canles de balde pero que por un prezo moi competitivo pode completarse cunha selección de contidos comparable á oferta das plataformas de televisión por cable (o sistema máis popular en Holanda, cun 94% do mercado).

PUBLICIDADE