Homenaxe aos videoxogos clásicos en Vigo

martes, 20 de setembro do 2011 Raquel Noya

As empresas tecnolóxicas Visual Publinet e Info JC, ámbalas dúas socias de Ineo con sede en Vigo, están a facerlle unha peculiar homenaxe aos personaxes máis famosos dos videoxogos que marcaron o “boom inicial” desta industria, levando a cabo unha orixinal campaña de street marketing nos seus establecementos da cidade olívica.
A iniciativa, que aposta polo Post-It Art para construír imaxes que remiten aos videoxogos clásicos, foi pensada polos responsables de Visual Publinet e Info JC para celebrar cadanseus aniversarios, ao cumprir 25 e 30 anos respectivamente.
Deste xeito, no seu establecemento da rúa Venezuela (Taboada Leal, 15), Visual Publinet faille unha especial homenaxe a Súper Mario Bros, expoñendo unha figura de píxeles construída con post-it de diferentes cores.
Pola súa banda, a firma Info JC, expón no seu establecemento da avenida Camelias 70, un mural dedicado a Pacman, o famoso “comecocos” dos anos 80, construído seguindo a mesma técnica artesanal.
A través desta iniciativa, Visual Publinet e Info JC aseguran “chiscarlle os ollos aos videoxogos clásicos, co obxectivo de demostrar publicamente canto cambiou a nosa forma de entretemento nos últimos anos, xa que”, segundo engaden, “en moi pouco tempo, pasamos de considerar clásicos como Súper Mario Bros ou Pacman como unha verdadeira innovación, á era 2.0, onde as redes sociais ocupan parte do noso día a día”.
Ámbalas dúas firmas convidan a tódalas empresas de Vigo a sumarse a esta orixinal iniciativa de street marketing, e a que expoñan nos seus escaparates os seus propios deseños en Post-It Art, unha nova tendencia de arte urbano que “está a acadar cada vez unha maior difusión arredor de todo o mundo, grazas á súa orixinalidade, ás súas altas doses de creatividade e, sobre todo, ao humor”, afirman.

PUBLICIDADE