Hoxe comeza en Compostela o III Encontro Vindeira Capital Network

xoves, 10 de maio do 2012 Raquel Noya

Emprendedores participantes no II Encontro VCN

A Plataforma Tecnolóxica Galega das TIC, Vindeira e TIC Galicia, vanlle dar hoxe o pistoletazo de saída ao III Encontro Vindeira Capital Network, un evento que porá en contacto aos responsables dos 13 proxectos empresariais galegos máis destacados no eido das TIC, coas sociedades de capital risco e business angels máis importantes de España, para captar financiamento.
Trátase dun encontro, que se celebra en Santiago de Compostela os días 10 e 11 de maio no que participan, entre outros, os desenvolvedores de: Appvisor (unha aplicación móbil para consultas); ePocketguide (ferramenta que ofrece información sobre rutas turísticas); Xebook (para xestión e préstamo de libros electrónicos en bibliotecas); Docuralia (para a xestión documental na nube) ou mBeat (unha solución eHealth de diagnóstico ubicuo e en tempo real).
Estes emprendedores e emprendedoras, a quen dende logo non lles falta creatividade nin ganas de saír ao mercado a facerse o seu oco, atoparán no VCN Compostelán, a súa posible fonte de financiamento, e o pulo que precisan agora para dar o primeiro paso no mercado laboral.
O evento, que será presentado a partir das 17:00 horas desta tarde por Antonio Rodríguez del Corral, presidente da Plataforma Tecnolóxica das TIC de Galicia-Vindeira; Maite Cancelo, directora de BIC Galicia e Gerardo Crespo, presidente do Clúster TIC Galicia, entre outras destacadas personalidades do sector tecnolóxico galego, poderase seguir en directo vía Twitter co hashtag #VCN2012.

PUBLICIDADE