Huawei felicitou o aninovo dende un iPhone

venres, 4 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Está a converterse en toda unha tradición que á hora de promocionar un dispositivo móbil a través de Twitter algunha das publicacións sexa contraditoriamente realizada dende un iPhone, de xeito que no pasado puidemos ver como cazaron a Alicia Keys chíando dende un iPhone mentres era directora creativa global de BlackBerry (de feito, os propios responsables de comunicación de BlackBerry cometeron o mesmo erro) ou figuras máis próxima como Íker Casillas chegou a publicitar un Samsung Galaxy S4 dende un iPhone, pero desta volta resultou moi rechamante que a felicitación de aninovo de Huawei chegase dende un iPhone.
A mensaxe en concreto borrouse rapidamente, pero non sen antes ser moi difundida, e como consecuencia aseguran que un par de empregados da compañía chinesa foron sancionados, xa que a publicación dun chío de @Huawei dende un iPhone afectou negativamente á imaxe da compañía.
Ao parecer, o erro cometeuno unha empresa de mercadotecnia chamada Sapient, que ante os problemas que tiñan para conectarse a unha rede privada virtual para evitar os bloqueos que dende China teñen páxinas como Twitter, Facebook ou Google, empregaron un iPhone cunha tarxeta SIM de Hong Kong para poder acceder ás redes sociais.

PUBLICIDADE