IBM augura o remate da publicidade tradicional en menos tempo do agardado

luns, 12 de novembro do 2007 Fernando Sarasketa

Unha das grandes características destes tempos nos que vivimos é sen lugar a dúbidas a velocidade. Todo acontece máis rápido, as cousas boas, as cousas malas e as terribles. Por exemplo: a casa ninguén lle estraña xa que sempre teñamos que esforzarnos ó máximo nos supermercados para encher as bolsas da compra antes de que nos leve por diante a xente que espera na caixa. Ironías aparte, o caso é todo está suxeito a cambios, mesmo o xeito de recibir información publicitaria e consumila.
Segundo un estudo de IBM (aquí, en pdf) reflectido estes días nos medios, estamos a piques de ver a fin da publicidade tal e como a coñecemos, e son moitos os sinais que indican que o proceso xa está en marcha. Porén, este detalle un pouco previsible non é tan rechamante coma o tempo de “vida” que lle dan ó vello modelo: uns cinco anos.
Isto que significa? Pois que as feituras publicitarias cambiarán máis no vindeiro lustro có que teñen mudado nos últimos cincuenta. Algo así como un cambio climático acelerado aplicado ó sector anunciante.
A gran responsable disto será Internet, que todo o muda, dende o noso comportamento á hora de establecer comunicación cos demais até a realidade mesma, cada vez máis 2.0 (por exemplo: congresos con feitura de blogs, asociacións como redes sociais, etc). Os novos modelos de publicidade serán máis interactivos e convidarán ós receptores (nós) a ser parte activa da comunicación. Ou sexa, segundo apunta IBM, seremos quen de decidir cando e como vemos un anuncio. A xuízo do devandito estudo, o computador persoal xa é máis importante cá televisión no que se refire a tempo de emprego no fogar. Deste xeito, case tres cuartas partes da poboación enquisada usa o ordenador para o lecer máis de dúas horas ó día, fronte ó 48% dos cidadáns que empregan o mesmo tempo en ver a tele.
Imaxe de nenos vendo a tele vista no caderno de Kurtstat en Flickr.

PUBLICIDADE