IBM e investigadores suízos levan Internet aos 100 xigabits por segundo

venres, 22 de febreiro do 2013 Redacción

Que Internet acade os 100 xigabits por segundo podería ser, segundo nos conta IBM, unha realidade nos nosos fogares e nun futuro máis inmediato do que poderíamos pensar. De feito, a multinacional xa acadou esta velocidade a través de recursos de seu e de investigadores europeos. Detrás deste feito atópanse os científicos de IBM Research e da Escola Politécnica Federal de Lausana (EPFL), en Suíza, que veñen de presentar unha tecnoloxía de conversión de sinais que mellora a velocidade de Internet até chegar aos citados 100 xb/s, o dobre da tecnoloxía actual. O dito avance tecnolóxico -presentado na Conferencia Internacional de Circuítos en Estado Sólido (ISSCC), podería converterse en algo real de cara ao ano 2014.
Cómpre dicir que o deseño deste ADC (Conversor Analóxico-Dixital) xera 1.000 millóns de conversións analóxico-dixitais por segundo e foi desenvolvido no centro de investigación de IBM en Zúric (Suíza), en colaboración con científicos do Laboratorio de Sistemas de Microelectrónica do EPFL. Este novo ADC ten unha serie de vantaxes chave respecto doutros deseños, trátase da velocidade, o consumo de enerxía e a área de silicio empregada; segundo verbas do profesor Yusuf Leblebici, director do Laboratorio de Sistemas de Microelectrónica. No entanto, os científicos de IBM están a considerar as posibilidades do ADC para converter os sinais analóxicos que se orixinaron no Big Bang. O proxecto -denominado DOME- é froito da colaboración entre o Instituto Holandés de Radioastronomía (ASTRON) e IBM para desenvolver unha folla de ruta tecnolóxica para o radiotelescopio SKA (Square Kilometre Array), un proxecto internacional que pretende construír o radiotelescopio máis grande e sensible do mundo. Deste xeito, os datos analóxicos do espazo -recollidos polo SKA- producirían 10 veces o tráfico global de Internet, sendo o prototipo ADC de IBM un candidato axeitado para converter logo estes datos analóxicos en dixitais e cun baixo consumo de enerxía.

PUBLICIDADE