IBM inaugura o seu primeiro centro cloud en territorio estatal

martes, 1 de outubro do 2013 Redacción

IBM inaugurou este 30 de setembro, de xeito oficial, o seu novo centro de tecnoloxías da computación na nube en Cerdanyola del Vallès, Barcelona, en virtude dun acordo asinado entre La Caixa e a multinacional tecnolóxica. O novo centro, emprazado á súa vez noutro centro (o Centro de Proceso de Datos de La Caixa), é o primeiro das súas características que IBM abre na xeografía estatal, e o noveno que a compañía habilita a nivel mundial. A instalación, moi dirixida a dar sustento a cargas produtivas e procesos críticos de negocio, achegará servizos cloud a todo o mundo. Por certo que o investimento foi de 6 millóns de euros.
O acto de apertura contou coa presenza de Felip Puig (conselleiro de Empresa e Emprego da Generalitat de Cataluña), Marta Martínez (presidenta de IBM España) e Juan María Nin (vicepresidente e conselleiro delegado de CaixaBank). Un dos obxectivos da compañía TIC é usar o novo centro como apoio de primeira liña para os seus plans de xerar 7.000 millóns de dólares de facturación no ano 2015 na área de cloud computing, 5.170 millóns de euros aproximadamente. Dende o seu seo achegarase “un extensa gama de servizos de infraestrutura e plataforma na nube, unhas solucións que lles acaen perfectamente ás necesidades de negocio tanto de grandes compañías e entidades públicas como de pequenas e medianas empresas”.
Por certo que o novo centro acubilla un dos catro centros de procesamento de datos da Generalitat, máis polo miúdo o relacionado coa área de sanidade, familia e benestar. A Administración catalá agarda conseguir a través desta medida aforros importantes no seu investimento tecnolóxico e unha maior eficiencia, á vez que meirande marxe para o reemprego de recursos cara a outros organismos públicos (poñendo a disposición de concellos e universidades o seu centro de datos na nube con IBM).

PUBLICIDADE